Os xogadores históricos do Obradoiro brindaron un gran espectáculo á afección

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

A celebración dos 45 anos de historia do Rio Natura Monbus Obradoiro comezou ao grande. O partido que enfrontou a xogadores que visitaron a elástica do equipo santiagués, divididos en dous equipos, Veteranos do Obradoiro e de Galicia, deparou grandes momentos, corenta minutos de gran intensidade que deron para moito: accións estelares, algún que outro pique, accións polémicas e unha boa dose de humor.

Os combinado veteranos do Rio Natura Monbus Obradoiro, adestrado por Chete Pazo, estaba composto por José Sanmartín, Camilo Riveiro, Marcos Gato, David Caldas, Chechu Yáñez, Adrián Martínez, Aitor Seoane, Koke Rama, Jano Harguindey, Fran Sánchez e Pepo Suevos; mentres que por parte dos veteranos de Galicia xogaron homes como Charlie Vidal, José Fernando Ferreira, Julio Jiménez, Popocho, Ricardo Aldrey,Miguel Juane, Tonecho Lorenzo e Suso Fernández, baixo a dirección de Javi Lorenzo.

Aínda que o primeiro cuarto foi moi igualado (22-21 para os veteranos obradoiristas), con xogadas preciosistas, gran fluidez, contragolpes fugaces e moito espectáculo, os xogadores tutelados por Chete Pazo pisaron o acelerador e deixaron atrás aos seus adversarios nun gran segundo parcial. Unha defensa moi solvente, ademais do gran criterio exhibido en ataque, tanto en transicións como en estático, permitiron aos veteranos do club elevar a renda ao descanso (44-35). Xogadas como o 2+1 de Camilo Riveiro levantaron os aplausos dunha afección que ía enchendo Sar progresivamente.

No tempo de asueto, o mercado de fichaxes entrou en plena efervescencia. Tras algún pique e reproche entre xogadores, sempre cun sorriso e con toques de humor, José Sanmartín e Chechu Yáñez, dous dos homes máis destacados na primeira metade, cambiaron de bando e se enfundaron a camiseta negra dos veteranos de Galicia. A pesar da achega das dúas novas incoproracións, os de Javi Lorenzo non foron capaces de parar o caudal ofensivo dos veteranos do Rio Natura Monbus Obradoiro, encabezados por un gran Camilo Riveiro (69-53).

Tentaron todo os homes que vestiron de negro para obrar a remontada. Nin sequera un parcial de 0-9, con tres triplos consecutivos baixo a batuta de Ricardo Aldrey foron suficientes. O colchón dos de Chete Pazo era xa insalvable (83-73). O resultado foi o de menos, tratábase dunha tarde festiva. Os xogadores dun e outro equipo intercambiaron abrazos e impresións, ademais de posar xuntos nunha foto de familia. Os artífices e protagonistas dunha parte dos 45 anos de historia do club mostráronse encantados pola experiencia vivida.

Os veteranos tamén foron protagonistas durante o partido do Rio Natura Monbus contra o FC Porto. Os xogadores enfrontáronse en diferentes concursos durante os tempos mortos: Charlie Uzal competiu contra David Caldas desde a liña de tiros libres mentres que Koke Rama e José Fernando Ferreira demostraron ao público que aínda conservan ben engrasada a súa boneca desde máis aló do arco de tres puntos.

5 de outubro de 2015 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.