Os viños da D.O. Ribeiro serán os protagonistas da última xornada de Fairway
O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro reforza o seu vínculo coa ruta xacobea e estará presente en Fairway, I Forum do Camiño de Santiago, protagonizando o seu peche.
Unha cata extraordinaria do programa Enocións by Ribeiro, que se celebrará o domingo 18 de outubro ás 18.00 horas, será o broche para ese evento. Contará coa actuación de O Coro da Rá e a degustación de 3 viños escollidos. A presentación dos viños virá da man do catador Luís Paadín.
O programa Enocións by Ribeiro quere reflectir as emocións que afloran durante a peregrinación a Santiago, a través dos sentidos, harmonizando disciplinas artísticas coa degustación dos viños da Denominación de orixe que mellor expresa a esencia de Galicia. Nesta ocasión as referencias para catar serán das adegas Alanís, Cunqueiro e Ramón do Casar.
As entradas para actuación e cata dos tres viños teñen un prezo de 5 euros; están á venda en en www.fairwaysantiago.com , www.ticketea.com e no propio Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, sede de Fairway, Fórum do Camiño de Santiago.
O Coro da Rá ambientará a enoción coa música e a diversión que lles acompaña desde 1993. Temas de música espiritual, rock, jazz ou blues serán o complemento perfecto para a selección de viños.
As anteriores sesións de de Enocións by Ribeiro supuxeron un éxito e contaron coa música de Guadi Galego, as fotografías de Xurxo Lobato, a gastronomía de Pepe Solla ou o humor de Carlos Branco, entre outros atractivos.
Fairway, Forum do Camiño de Santiago reunirá do 15 ao 18 de outubro na Cidade da Cultura de Compostela aos principais expertos na Ruta Xacobea e noutras rutas de peregrinación; e será un punto de encontro para todas aquelas empresas vinculadas cos seus produtos ou servizos á ruta xacobea. Trátase dunha iniciativa que xunta congreso e feira, con actividades de interese para todo tipo de públicos. O seu horario é de 10.00 a 19.30 horas.
Precisamente, o Camiño e a historia dos viños do Ribeiro van da man. Esta histórica denominación remonta as súas orixes na viticultura no século X, cando a orde do Císter desenvolveuna desde o Mosteiro de San Clodio, en Leiro. Estes viños milenarios tiveron o seu primeiro mercado en Compostela grazas ao Camiño de Santiago.
Máis accións durante o Fairway
Non será a do domingo a única acción dos viños do Ribeiro en Compostela con motivo de Fairway; pois están a tomar parte de Con queixo, pan e viño ándase o Camiño, unha serie de catas no espazo enocultural Vide Vide!
Ademais, o venres 16 de outubro chega O Camiño do Viño, un evento moi especial de viños con tapas que se desenvolverá na Capela do Parador Hostal dos Reis Católicos, de 19.00 a 21.00 horas. Non faltará nesa degustación o viño da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.
Dentro do seu plan estratéxico o C.R.D.O. Ribeiro continúa o seu planeamento de accións acordes á historia, a profesionalidade na xestión, a busca da excelencia na calidade, e a potenciación da marca, unha das mais recoñecidas de España.
A Denominación de Orixe Ribeiro está a reforzar a imaxe do #movimientoribeiro coa súa presenza en facebook (www.fb.com/DenominacionOrixeRibeiro) twitter @CRDO_Ribeiro, e Instagram: crdo_ribeiro.











