publicidade hoxe

Os traballos de consolidación do xacemento de Monte do Castro retomaranse en primavera

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraRibadumia
A-
A+

Os traballos de campo para a recuperación e consolidación do xacemento de Monte do Castro en Ribadumia retomaranse na vindeira primavera. A Deputación de Pontevedra está a traballar nestes momentos co obxectivo de restaurar 78 metros lineais de muralla, así como na documentación e catalogación das máis de 140.000 pezas atopadas na área de excavación.

O deputado de Cultura, Xosé Leal, indicou hoxe que a intención da Deputación é poñer en valor todo o conxunto arqueolóxico de Monte do Castro, xa que se trata dun dos xacementos máis importantes de Galicia. Leal subliñou que se darán os pasos precisos para que o xacemento teña o tratamento que merece e sirva como atractivo turístico e espazo de disfrute da veciñanza.

Traballos do Ministerio de Fomento

No que respecta a actuacións no propio terreo as próximas fases corresponden ao Ministerio de Fomento en cumplimento do protocolo asinado coa Deputación de Pontevedra. Nese documento o departamento estatal adquiriu o compromiso de consolidar as estruturas, realizar os circuítos de visita e instalar a sinalización necesaria. A previsión é que todas estas actuacións se poidan empezar no segundo trimestre do 2016, xa que agora mesmo están en proceso de licitación por parte do Goberno do Estado.

Neste sentido, o deputado de Cultura destacou que quedan por restaurar algunhas cabanas de estrutura circular e unha muralla de 78 metros de lonxitude que tiña, en orixe, catro metros de ancho e cinco de alto (nestes momentos só alcanza o metro e medio nos puntos máis altos).

O proxecto para facer a consolidación desta construción está contratado cunha empresa santiaguesa que debía desenvolver varias propostas, sen embargo, a Dirección Xeral de Patrimonio manifestou a súa aposta por tapar os restos. Así, segundo indicou Leal, estase a traballar para buscar unha saída que permita aproveitar ao máximo a inversión económica realizada ata o de agora e incluír tamén ese elemento, que potenciaría o valor dos achádegos. “Dada a entidade que ten esa muralla os arqueólogos da Deputación aconsellan seguir adiante e recuperala”, defendeu.

Leal insistiu en que é fundamental realizar un adecentamento da zona e unha ordenación paisaxística do monte, para que a cidadanía poida disfrutar da súa visita sen a sensación de estar nun área inundada de vexetación.

Poboado desfeito nun incendio

O xacemento arqueolóxico do Monte do Castro é un poboado fortificado da Idade de Ferro habitado dendo o século quinto antes de Cristo ata o primeiro despois de Cristo. Segundo os restos estudados o máis probable é que o asentamento esmorecera debido a un incendio, xa que moitos dos miles de elementos recuperados teñen restos de queimado.

Todos estes restos serán analizados no Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico de Liñares (Lalín), que abrirá as súas portas nas vindeiras semanas e contará con equipos de última tecnoloxía para realizar réplicas de cada elemento, realizar datacións exactas e analizar outro tipo de parámetros.

En Monte do Castro realizáronse catro campañas de traballo por parte da Deputación de Pontevedra. A primeira foi de tipo avaliativo, para coñecer as potencialidades do lugar. Ao obter resultados positivos decidiuse continuar coa inversión. Finalmente abriuse unha área de 5.000 metros cadrados e fóronse combinando traballos de excavación con outros de restauración. A última fase durou seis meses e finalizou en abril deste ano.

22 de outubro de 2015 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.