Os sindicatos médicos consideran escaso o persoal para casos de ébola
O sindicato médico O’MEGA considera escaso o persoal designado para abordar casos de ébola no Hospital Meixoeiro de Vigo, o centro de referencia en Galicia, pero esta central sindical e CESM valoraron que hai preparación nos profesionais.
Tras detectarse un caso de sospeita de ébola nun varón de Guinea que acudiu este martes a Urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (Chuac) e que permanece ingresado illado no Meixoeiro en Vigo, o presidente de O’MEGA, Víctor Crespo, manifestou que a preparación do persoal para estes casos “mellorou bastante” dende o caso dos dous misioneiros e a enfermeira Teresa Romero atendidos en Madrid.
Para Crespo a actual é unha “situación sanitaria moi delicada”. “Espero que pase e non aconteza nada”, destacou, para manifestar que confía en que o Meixoeiro “se”pode preparar aínda mellor para recibir casos de ébola”.
ROTACIÓN “GRANDE”
Para Crespo o persoal sanitario designado para abordar casos de ébola no Meixoeiro é “curto” para “atender” máis dun par de días a un paciente “porque a rotación que require é grande ao longo dun día”. “Precísase máis persoal preparado para esas circunstancias”, concluíu.
Pola súa banda, o presidente de CESM Galicia, Cándido Andión, manifestou que entende que o persoal está “adestrado de xeito específico” porque o Meixoeiro se preparara “dende hai tempo”.











