Os sindicatos cifran nun 80% o seguimento da folga de facultativos no CHUO mentras o Sergas o reduce ao 18,6%

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurenseOurense
A-
A+
Europa Press

Os sindicatos médicos CESM e O’Mega cifraron nun “80-85 por cento” o seguimento da folga de facultativos convocada este martes no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), mentres que o Sergas o reduciu ao 18,6%. En declaracións o vicepresidente de CESM en Ourense e membro do comité de folga, Emilio Armada, explicou que a folga se convocou dende a pasada media noite ata as 00,00 horas, pero como dende as 15,00 horas comezou a garda “pódese dar case por rematada”.

Os sindicatos convocantes criticaron os “servizos mínimos altísimos” fixados en “110 de 480 facultativos” chamados ao paro, “por iso o baile de seguimento”, precisou o vicepresidente de CESM en Ourense.

Sobre a repercusión da folga no CHUO, os convocantes apuntaron que de 20 quirófanos do complexo “só funcionaron cinco” –con intervencións urxentes oncológicas, de trauma e outras– e os outros 15 permaneceron “pechados”.

Ao respecto, indicaron que “máis de 20 cirugías programadas ordinarias quedaron sen realizar” este martes polo paro. A Xerencia de Xestión Integrada de Ourense reduciu a 16 ciruxías das 63 programadas este martes as anuladas.

Así mesmo, as centrais sindicais destacaron que as consultas “pecharon por completo” nesta xornada de folga no CHUO e apuntaron que, salvo casos como Oncoloxía e Oftalmoloxía que funcionaron, no resto as salas de espera “estaban baleiras”. Non obstante, destacou as longas colas no portelo para reprogramar citas e na de queixas.

Ao respecto, a xerencia ourensana apuntou a suspensión do 35 por cento das consultas e o 39 por cento das probas radiolóxicas programadas para esta xornada. “Xa están reprogramads as intervencións cirúrxicas suspendidas e en días próximos procederase a dar, no menor espazo de tempo posible, nova cita para as consultas e probas”, explica.

SEN INCIDENCIAS

Así mesmo, a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense informou de que a convocatoria de folga médica no CHUO tivo “un reducido seguimento” do 18,6 por cento, “con 87 profesionais que secundaron o paro sobre o total de 467 traballadores convocados”.

A xerencia ourensana subliñou que a xornada de folga se desenvolveu “sen incidencias” e co “pleno cumprimento dos servizos mínimos” que, segundo engadiu, “permitiron garantir a asistencia urxente e de pacientes ingresados”.

A Dirección do CHUO apelou aos sindicatos para que “reconsideren a súa postura, evitando que unha reivindicación laboral, sobre a que se chegou a un acordo de consenso asinado con anterioridade á folga, continúe a afectar aos pacientes” e reitera que “se respectarán os acordos asinados co comité de folga” sobre todos os puntos reivindicativos”.

“DIGNIDADE PROFESIONAL”

Pola súa banda, o comité de folga recordou que se trata de “reivindicacións asistenciais” para defender a “dignidade profesional e mellorar a atención ao paciente”. Ao respecto, subliñou que “non son de tipo económico”.

En concreto, os sindicatos médicos reclaman que “se cubran todas as vacantes con contratos estables porque están todos os servizos deficitarios” tras os “recortes no número de facultativos”; ademais de defender que “os quirófanos de Urxencias se dediquen a urxencias”.

Tamén demandan hemodinámica as 24 horas porque soamente dispoñen de 8,00 a 15,00 horas e que “haxa gardas de radioloxía vascular intervencionista”.

13 de outubro de 2015 | 16:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.