publicidade hoxe

Os rapaces do colexio La Inmaculada saborean as froitas do Areeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

Arredor de 340 nenos e nenas do colexio La Inmaculada de Marín e de Verducido participaron onte nun obradoiro de ‘Froitas de outono’ organizado entre o centro e a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra. A xornada foi todo un éxito, xa que os pequenos e pequenas (de entre seis e doce anos) animáronse a probar sabores descoñecidos para a marioría deles: as feixoas, as guaiabas fresa e os ‘kiwiños’, xunto con noces e castañas.

O vicepresidente provincial, César Mosquera, destacou onte o labor didáctico destes obradoiros, que chegan a miles de nenos de toda a provincia e colaboran no coñecemento do contorno máis próximo e dos seus produtos, como no fomento dunha alimentación saudable.

Foi a primeira vez que o centro escolar La Inmaculada de Marín participa na iniciativa e, segundo a xefa de estudos, houbo unha grande satisfacción pola acollida que tivo por parte dos rapaces. Xa se está pensando en repetir para o próximo curso e ampliar a degustación tamén ao alumnado de Educación Secundaria.

Este ano, os pequenos, ademais de realizar a degustación, tamén realizaron outros traballos paralelos sobre as froitas dirixidos polos profesores de Primaria, tales como murais (xa colgados nos pasillos do colexio) ou fichas, entre outras actividades das clases de naturais.

A froita con máis éxito foi a feixoa, da que moitos nenos aínda seguiron comendo despois. “Houbo rapaces que ata chegaron a comer oito e dez feixoas e avisaban de que as pedirían logo na casa”, indicou unha das profesoras.

Verducido

Pola súa banda, no CEIP Verducido, foron 37 os rapaces e rapazas que degustaron as froitas. Este centro é xa un ‘veterano’ nos obradoiros, xa que leva anos participando, polo que algúns dos alumnos e alumnas xa coñecían o sabor dos produtos. Segundo destacou unha das mestras que colaborou no taller, foi fundamental que as profesoras tamén comeran a froita xunto cos nenos, para dar exemplo e animalos: “o que máis nos importa é que se animen a probar cousas novas tendo unha referencia dos adultos. Non podemos pretender que os pequenos coman froita se aquí ou na casa os maiores non lla ofrecemos”. O colexio de Verducido, de feito, traballa noutras campañas de promoción da froita na escola e involucra a pais e nais que teñen árbores froiteiras para achegar á escola parte da súa produción e repartila entre os rapaces e rapazas.

Debido ao pequeno número de alumnos do centro de Verducido sobrou algunha froita da degustación, polo que os pequenos e pequenas terán a súa disposición unha cesta cos produtos de Areeiro durante os recreos da semana próxima.

As froitas cedidas pola Estación Fitopatolóxica aos centros escolares de toda a provincia son plantadas e recolleitadas nas hortas do organismo provincial. Na unidade de fruticultura de Areeiro trabállase no estudo do comportamento de especies de froita de nova introdución e nos problemas que van xurdindo a medida que os cultivos e o mercado se adaptan. Realízase tamén un seguimento anual dos parámetros de produción e calidade de diversas especies, centrándonos actualmente en kiwi, kiwiño, feixoa ou mirabel.

15 de outubro de 2015 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.