Os plenos de Lalín retransmitiranse en streaming
O Concello de Lalín retransmitirá os Plenos da corporación en directo mediante o sistema de difusión dixital coñecido como streaming. Así o adiantou esta mañá o alcalde, Rafael Cuíña, quen explicou que os técnicos informáticos e de novas tecnoloxías xa comezaron os traballos “para que as retransmisións poidan ofrecerse o antes posible”. Neste senso apuntou que se fixou como data límite para comezar coa difusión das sesións plenarias, o primeiro Pleno do ano que vén, aínda que poderían empezar antes “se é tecnicamente posible”.
O proxecto, enmarcado dentro das políticas de transparencia e participación cidadá postas en marcha polo Goberno municipal, tamén contempla a gravación e posterior emisión dos Plenos a través de plataformas de vídeo como Youtube. A iniciativa ten como obxectivo abrir o Pleno a toda a cidadanía, tendo en conta que son moitas as persoas que non poden acudir ás sesións, nunha nova medida encadrada dentro do “novo xeito de facer política, acorde ás necesidades do século XXI”, que persegue o executivo de Rafael Cuíña. As retransmisións en directo permitirán avanzar nesta nova maneira de entender a democracia, máis aberta e participativa, dacordo ás esixencias da sociedade actual e aproveitando os recursos tecnolóxicos de gran difusión e fácil accesibilidade cos que contamos nesta etapa histórica.
Esta idea en favor da transparencia, súmase a outras iniciativas do Goberno, como a Moción Cidadá, que se levará mañá ao Pleno para o seu debate e aprobación, e que permitirá que os veciños que así o desexen, teñan a capacidade de levar iniciativas ao Pleno deixando de ser simples espectadores e converténdose figuradamente no “concelleiro número 22”.











