Os nenos da escola infantil A Madalena celebraron en outubro o outono, a vendima e as festas do Magosto e do Samaín
Chegou o mes de outubro e con el, despois de pasar o período de adaptación, unha chea de actividades á escola infantil municipal da Madalena. Durante este mes preténdese que os nenos/as coñezan a través de diferentes xogos e actividades as particularidades do outono, coa unidade didáctica “Lola festexa a vendima e o Samaín”. Así, nesta primeira quincena de outubro, os pequenos/as da escola infantil municipal da Madalena experimentaron coas follas de outono e tiveron a ocasión de coñecer de preto algo tan importante na nosa terra como é a vendima e a celebración do Magosto. Ademais, durante esta última semana de mes a escola celebrará tamén o Samaín.
Ano tras ano na escola infantil municipal da Madalena, situada no Milladoiro, elabora un programa cheo de actividades para que todos os nenos e nenas que están matriculados neste centro educativo poidan aprender ao tempo que se divirten. Durante a primeira quincena de outubro, ademais de experimentar coas follas de outono, os nenos/as da escola convertéronse por uns días en expertos vendimadores: recolleron as uvas, pisáronas e, como non, tiveron ocasión de probalas.
O alumnado traballou así todos os sentidos (tacto, olfacto e gusto) e pasouno xenial coñecendo tradicións tan propias como o Magosto, xa que a escola organizou unha gran festa con música tradicional, na que os rapaces e rapazas comeron castañas e pintaron a cara. Todas estas actividades presentáronse a través do xogo, a experimentación e o movemento, facendo partícipes aos pequenos/as das nosas festas típicas.
Celebración do Samaín
Durante esta última semana de outubro, a escola infantil municipal da Madalena celebra o Samaín, unha tradición moi nosa que se pretende difundir e asentar entre os nenos/as e as familias. Non faltarán as actividades e xogos entre pantasmas, morcegos e cabazas. Os nenos/as poderán baleirar cabazas, decorar a escola con morcegos, cabazas e arañeiras e escoitar contos típicos destas datas. E todo, coma sempre, coa colaboración das familias, que participan de xeito activo na aprendizaxe dos pequenos e pequenas.











