O xurado do concurso do Calendario Municipal escolle as fotografías que representarán “á xente da Coruña”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Reunión do xurado

Reunión do xurado

Esta mañá reuniuse no Arquivo Municipal o xurado que escollerá as fotografías que ilustrarán o Calendario Municipal do próximo ano. O tribunal, formado por representantes de todos os grupos da Corporación municipal e tres membros do Colectivo de Fotoxornalistas Coruñeses, escollerán 12 fotografías actuais que, baixo o lema “A xente da Coruña”, formarán parte, xunto a outras 12 antigas aportadas polo propio Arquivo, do almanaque do ano que vén.

O concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande; as concelleiras Avia Veira, Lucía Canabal e Mar Barcón; e os fotógrafos Víctor Echave, César Quian e Pedro Puig fallarán o vindeiro domingo, 1 de novembro, o nome das 12 veciñas e veciños gañadores da presente edición. O tribunal, se o estima oportuno por cuestión de calidade, seleccionará ademais outra imaxe para a a primeira páxina.

O concurso contou este ano coa participación de 92 persoas que achegaron durante o mes de outubro un total de 209 fotografías. As persoas que resulten gañadoras recibirán como premio un exemplar de O eterno feminino , do fotógrafo Xosé Abad, un curso de Lightroom e un ano de acceso gratuíto aos museos municipais coruñeses, ademais de 10 exemplares do almanaque municipal.

29 de outubro de 2015 | 20:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.