O xuíz arquiva a causa sobre Andrea tras falecer a menor
O Xulgado de Primeira Instancia Número 6 de Santiago de Compostela decretou este venres o arquivo da causa sobre a situación de Andrea, a nena de 12 anos que padecía unha enfermidade neurodegenerativa irreversible, tras falecer a menor no hospital compostelano.
Nun auto emitido este venres, o xuíz Roberto Soto explicou que “o lamentable falecemento da menor acaecido no día de hoxe determina obviamente o arquivo deste proceso”.
Ademais, o maxistrado considera que “procede agradecer a profesionalidade e absoluta colaboración” do actual pediatra responsable da menor e do xefe do Servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), onde estaba ingresada, “demostrada na última semana”.
Tamén Soto, nun auto de 24 páxinas que recolle os diferentes informes emitidos polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga), do Comité de Ética Asistencial o historial clínico de Andrea, destacou a “extraordinaria enteireza” dos proxenitores da menor.
EMPEORAMENTO
O pasado venres día 2, tras recorrer os pais á vía xudicial para reivindicar unha morte digna para a súa filla, o CHUS accedeu a retirar a alimentación da menor mediante a gastrotomía que se lle fixera había uns meses e proceder a unha sedación.
“Dende o venres 2 de outubro a situación clínica da paciente deteriorouse coa aparición de febre e vómitos repetidos que non presentaba antes”, foi o que comunicou o hospital cando os pais estaban no xulgado reunidos polo maxistrado por esta causa.
Por iso, segundo expón o xuíz no auto de arquivo, decidiuse “formular aos pais o cambio da fórmula de nutrición enteral á achega de soro de hidratación a través da sonda da gastrotomía para evitar a eventual sensación de sede e incremento segundo necesidade da analgosedación que estaba a recibir”.
CONTROVERSIA
Sobre as discrepancias xurdidas entre o equipo médico do CHUS e os pais que reivindicaban unha morte digna para a súa filla por considerar que se trataba dunha patoloxía irreversible e terminal, o xuíz expón o auto que as conclusións do Imelga ao respecto ” son claras”.
Ao respecto, o Imelga puxo de manifesto que “calquera tipo de tratamento non terá un fin curativo nin modificará a historia natural” da enfermidade que padecía, polo que consideraba que o seu estado “irá deteriorándose progresivamente debido á súa enfermidade, sen que ningunha ferramenta terapéutica poida varias este fatídico curso, tal como queda demostrado no empeoramento sufrido pola paciente nos últimos días”.
Con todo, o Imelga sostiña, como reivindicaban os pais alegando a lei galega, que “dende un punto de vista médica forense” consideraba que Andrea estaba “nunha situación de estado terminal”. Sobre a normativa, o xuíz precisou que “ao non introducir criterios temporais determinados ao definir á persoa enferma terminal opta claramente por termos abertos que permite ponderar cientificamente e que adaptar este concepto a cada caso concreto”.
De feito, ante a cuestión de que se o procedemento pautado polo CHUS era “extraordinario ou desproporcionado ás perspectivas de melloría da paciente”, o Imelga concluíu que “datos obxectivos” permiten inferir “que a nena” estaba “padecendo dor” antes de procederse finalmente á sedación o luns 5 de outubro.
Por todo iso, concluíu que as medidas de soporte vital que estaba a recibir “conducen a unha prolongación do estado terminal” en que se atopaba. “A noso entender, mantén a súa vida dunha forma penosa, gravosa e artificial”, puntualiza.
Finalmente sinálase no auto de arquivo da causa que ese criterio médico legal “correspóndese de xeito coherente” coa “proposta de axuste no plan de limitación de esforzo terapéutico consensuada finalmente entre o Servizo de Pediatría e os dous proxenitores da menor e coas previas conclusións do Comité de Ética Asistencial”.











