O vigués Marcos González aspira a converterse no mellor preparador de cafés de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O vigués Marcos González, que rexenta o Café Bar Belén da Avda. García Barbón (número 103), participa no Campionato Barista de España, que este ano se celebra en Málaga e cuxas primeiras eliminatorias terán lugar mañá mércores, estando prevista a final absoluta para pasadomañá, xoves.

O vigués, xunto ao chantadino Damián Seijas, representa a Galicia no certame estatal, que até agora se resistiu á nosa autonomía, a pesar de ser, xunto con Cataluña, o territorio en que contamos con maior tradición nesta recente profesión.

Marcos González foi formado como especialista no mundo do café na Escola Cafento, a mesma da que saíu o actual Campión Barista de España, o asturiano Adrián Fernández.

A décima edición do Campionato Barista de España

Os próximos días 14 e 15 celébrase na cidade de Málaga a décima edición do Campionato Barista de España, organizada polo Fórum Cultural do Café, asociación na que se integran empresas relacionadas co sector cafetero.

Ao certame concorren 17 baristas procedentes de 13 autonomías españolas, que competirán por converterse no futuro Campión Barista de España e que tamén tentarán conseguir algún dos outros tres galardóns en liza: Mellor Espresso, Mellor Latte Art e Mellor Bebida de Especialidade. 

Os campionatos baristas

Os Campionatos Baristas apareceron en Noruega en 1998. Tratábase de certames cos que se quería dar a coñecer á figura profesional da persoa especializada no mundo do café, o barista, e divulgar a cultura do café de calidade. No ano 2000 celebrouse o primeiro campionato mundial da disciplina, difundíndose con rapidez os campionatos baristas, de nivel estatal e sub-estatal, polo mundo.

Tamén será durante os anos 2000 que a figura profesional barista se introduza e desenvolva en España, celebrándose os primeiros campionatos autonómicos e estatal, organizados polo Fórum Cultural do Café, no ano 2006.

Sobre a Escola Cafento

Máis de 16.000 clientes, máis de 6.500 alumnos formados, máis de 3.000 horas de formación impartidas nas oito aulas que se estenden por toda España. Este é o principal aval da Escola Cafento, o proxecto de formación e desenvolvemento da cultura do café posto en marcha por Cafento (en Galicia máis coñecida polas súas marcas Cafegal, El Gallego ou El Trópico).

Nas súas aulas, e a través da web www.escuelacafento.com, a Escola Cafento desenvolve un completo programa de formación e desenvolvemento da cultura do café. E non só iso: tamén desenvolve actividades de formación noutras categorías de produtos, como tés, infusións e chocolate. 

Neste sentido, a Escola Cafento celebra periodicamente cursos, seminarios, catas guiadas, sesións de preparación para campionatos baristas… e distintas actividades que combinan a formación e o desenvolvemento da cultura barista entre profesionais e empresarios da canle horeca. 

Entre os seus formadores baristas conta con algúns dos máis experimentados de España na profesión, varios xuíces baristas homologados polo Fórum do Café e dous campións baristas autonómicos. Ademais, en Escola Cafento formáronse xa os vencedores de 14 campionatos baristas autonómicos e Adrián Fernández, Campión Barista de España 2014.

13 de outubro de 2015 | 13:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.