O TSXG obriga a cambiar a clasificación do solo do antigo convento das Adoratrices
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de comunicar catro novas sentenzas relativas ao PXOM do 2013, das cales tres obrigan a realizar cambios da categorización urbanística de distintos terreos e parcelas. Entre estas resolucións cóntase a relativa aos terreos do antigo convento das Adoratrices, que estima parcialmente o recurso formulado pola promotora Dricar e que, tal e como observa o concelleiro de Rexeneración Urbana e dereito á Vivenda, Xiao Varela, ten “especial trascendencia urbanística e gravidade”. A sentenza obrigará ao Concello a cambiar a cualificación urbanística do solo en litixio, uns terrenos de 3.163 metros cadrados de superficie que deberán clasificarse como solo urbano consolidado e, en consecuencia, excluírse do polígono de solo urbano non consolidado do Parque da Agra. O Alto Tribunal Galego fundamenta a súa decisión no antecedente de que dita superficie estaba clasificada no PXOM de 1998 como solo urbano consolidado e que, aínda que pasou a ser solo urbano non consolidado nunha modificación do 2008 (derivada dun Convenio urbanístico de maio de 2006 entre o Concello e a empresa propietaria), tal convenio e as súas determinacións non foron incorporadas á versión definitiva do documento aprobado polo Goberno do PP no 2013.
Tal e como recorda o edil de Rexeneración Urbana, “en abril de 2008 a Xunta aprobou unha modificación do PXOM, mediante a cal se reordenaba o ámbito desa zona e o antigo convento das Adoratrices (que previamente fora adquirido pola promotora Dricar) mudaba a súa cualificación, de solo asistencial privado a uso residencial; os terreos pasaban a incluírse ademais nun ámbito de solo urbano non consolidado, o que obrigaba ás cesións correspondentes, do 10% do aproveitamento, zonas verdes…”. Esta modificación realizada no PXOM do 2008, indica o responsable municipal, tiña como antecedente un convenio urbanístico de planeamento, asinado o 25 de maio de 2006 polo Goberno municipal e a empresa promotora, e no que se acordaban as determinacións de ordenación do polígono. Como lembra o concelleiro, aquela modificación do PXOM do 2008 “nunca foi desenvolta, xa que nin a reparcelación nin a urbanización do ámbito chegaron a ser aprobadas e a encomenda de xestión a EMVSA a tal finalidade tampouco foi materializada na tramitación e aprobación de tales proxectos”.
Os terreos a ceder para zonas verdes e espazos libres públicos no Campo do Observatorio, sinala, non foron urbanizados nin postos a disposición da cidadanía para uso público, pese ás insistentes demandas dos colectivos veciñais. A ordenación do Parque da Agra, engade Varela, foi incorporada ao PXOM aprobado inicialmente no 2009 “tal e como estaba definida no PXOM do 2008 (isto é, cos os terreos cualificados como solo urbano non consolidado), e sen que Dricar presentase alegacións no trámite de información pública”. “Pero o Goberno do PP modificou aquela ordenación no PXOM aprobado definitivamente no 2013, sen incorporar ao Plan Xeral o Convenio do 2006, e Dricar recurríu contra o documento definitivo” alerta o concelleiro, que expón que, en consecuencia, os 3.163 metros cadrados pasan a ser solo urbano consolidado, “onde a promotora pode materializar bloques de 12 e 7 plantas, obxecto de licenza directa, e sen que esta teña que asumir cesións ao Concello a cargo de ditos terrenos”, a pesar do cambio de uso do Convento das Adoratrices pactado co Concello no 2006. “En definitiva, aquelo que se pactou no 2006 queda agora baleiro de contido como consecuencia desta sentenza e dunha deficiente xestión duns gobernos anteriores que foron incapaces de executar o pactado no 2006 e aprobado no 2008, coa consecuencia engadida dun gran beneficiado de tal xestión, a promotora Dricar”, lamenta o edil.
A esta sentenza estimatoria súmanse outras dúas, relativas a unha parcela na avenida de Fisterra que o TSXG obriga a clasificar como solo urbano consolidado, e outra na avenida de Nova Iorque, onde o fallo levará a cambiar a clasificación do solo, tamén a urbano consolidado, e a unha mais que, neste caso, desestima o recurso relativa a un terreo cualificado como equipamento no polígono da Grela. Como fai notar o concelleiro de Rexeneración urbana e Dereito á Vivenda, ata o momento son mais as resolucións estimatorias contra o planeamento urbanístico en vigor que as desestimatorias, “algo que ademais de inaudito nun asunto como un PXOM, pon de manifesto a inseguridade xurídica dun documento aprobado definitivamente no 2013 e que foi obxecto de cambios notables respecto do aprobado inicialmente, sen estar axustados a dereito, tal e como poñen de manifesto ditas sentenzas”.











