O trastorno obsesivo-compulsivo centrará a vindeira acción formativa do Colexio Oficial de Psicoloxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Os días 23 e 24 de outubro o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia organiza no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela o curso “Actualización no tratamento cognitivo-condutual do trastorno obsesivo-compulsivo (TOC) impartido por Juan Sevillá Gascó, psicólogo especialista en psicoloxía clínica e recoñecido experto no tema.

Os pensamentos intrusivos, involuntarios e repetitivos ou as condutas estereotipadas que teñen como obxectivo bloquear o malestar provocado pola obsesión, son algúns dos síntomas deste trastorno coñecido xeralmente como TOC e que ten unha prevalencia dun 1% aproximadamente. Segundo a Organización Mundial da Saúde, está recoñecido como unha das cinco patoloxías psiquiátricas máis incapacitantes.

Neste curso enfocado a psicólogos e psicólogas da práctica clínica, o docente realizará un repaso sobre o TOC, achegando datos epidemiolóxicos e sociodemográficos, para entrar a continuación na avaliación e no tratamento do TOC. Haberá tamén espazo para que as persoas asistentes poidan expor e discutir casos reais atendidos nas súas consultas.

Juan Sevilla Gascó é especialista en psicoloxía clínica pola Universidade de Valencia, con estudos de posgrao en Nova Iorque, Oxford e na cidade holandesa de Gornningen. É profesor da Universidad Complutense de Madrid, da Universidad Miguel Hernández de Elche e da Universidad Pontificia de Salamanca, ademais de dirixir o Centro de Terapia de Conducta de Valencia (CETECOVA), unha institución privada dedicada ao tratamento de persoas con toda clase de problemas emocionais e á formación de profesionais da psicoloxía. O seu traballo clínico de máis de trinta anos de experiencia inclúe especialmente o tratamento dos trastornos da ansiedade e da depresión. 

22 de outubro de 2015 | 10:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.