O tráfico de mercadorías no porto de Vigo medrou un +7,36% nos nove primeiros meses do ano
O tráfico de mercadorías no Porto de Vigo creceu un +7,36% durante os nove primeiros meses do ano, en comparación co mesmo período do exercicio anterior. Así o confirmou esta mañá, en rolda de prensa, o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, tras a reunión ordinaria do Consello de Administración da institución olívica.
Segundo avanzou, trátase de incrementos ‘importantes’, sobre todo, en mercadorías como os automóbiles (+2,92%), o cemento (+1,36%), as conservas (+31,87%), as madeiras (+30,40%), o granito en bruto (+19,66%), a maquinaria (+15,25%), os produtos químicos (+78,19%), as pezas auto (+8,67%) e os cruceristas (+43,63%). Así mesmo, e aínda que polo seu volume acumulado aínda non son os máis significativos, destaca o incremento notable de froitas e hortalizas (+57,62%) e, sobre todo, da lousa (+153,60%), vinculado á posta en marcha da Autoestrada do Mar.
‘O que nos interesa é o tráfico de importación e exportación, que xera valor engadido na cidade’, explicou, á vez que puxo en valor a posta en marcha ‘paulatina’ da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (PLISAN) que, ao seu xuízo, ‘dará un impuxo moi grande a toda a área, ao dotala de bos accesos’.
Por outra banda, López Veiga referiuse ao que considerou ‘descensos menores’ doutras mercadorías, como sucede no caso da pesca conxelada, que aínda que cae un 3,32%, ‘por cuestións estacionais’, mantense como primeira mercadoría da dársena viguesa. Xunto a ela, tamén baixa a pesca fresca, ao rexistrar un descenso do -0,87% debido, en gran medida, á política de cotas. Segundo confirmou o máximo responsable portuario, a institución que preside estará moi pendente destes descensos, para o que propón ‘políticas de mercadotecnia agresivas’ para afianzar a Vigo como ‘centro neurálxico do sector pesqueiro’.
En canto aos datos económicos, a conta de resultados presenta unha cifra de negocio positiva, cun +6,45% de incremento respecto ao mesmo período do exercicio anterior e alcanza o importe de 17.684.000 de euros, ‘cunha previsión de incremento progresiva’, destacou.
Vigo Fresh Port
López Veiga referiuse, ademais, á nova Terminal especializada para o intercambio modal de produtos perecedoiros (froita, vexetais, flores, etc.), tanto na importación como na exportación, que se puxo en marcha a semana pasada no Porto de Vigo.
Unha iniciativa que cualificou como ‘innovadora’ e que, desde o seu punto de vista, ‘podería xerar moitas sinerxías’, ao aproveitar a estratéxica situación que ocupa o Porto de Vigo xeograficamente, en ruta de todos os fluxos marítimos norte-sur, cubrindo o norte de Portugal, a meseta e o resto do noroeste de España.
De feito, o Porto de Vigo participa, desde o pasado mércores, na Fruit Attraction 2015, en Madrid, cun espazo coordinado por Portos do Estado. Esta feira internacional do sector de froitas e hortalizas está considerada como unha das máis importantes a nivel internacional e nela participan máis dun milleiro de empresas expositoras de 25 países, o que supón un incremento do 20% con respecto ao ano anterior.
O Porto de Vigo organizou, co-financiou e difundiu a máis de 400 produtores hortofrutícolas nacionais e estranxeiros a súa participación nesta feira, que se desenvolveu con gran éxito. Vigo, que participa por primeira vez neste certame, aproveitou a ocasión para promocionarse como a porta do atlántico, a través da súa nova Terminal especializada en produtos perecedoiros con orixe ou destino Vigo.
Outros asuntos de interese
López Veiga referiuse tamén á aprobación, por parte do Consello de Administración, da participación da Autoridade Portuaria de Vigo na sociedade SUARDÍAZ ATLÁNTICA S.L. e destacou a importancia de estreitar os vínculos con Francia, ‘o socio natural de Vigo’.
Por último, o Presidente portuario informou da aprobación da solicitude de transmisión de titularidade a favor de PESCANOVA S.A. (por fusión) das concesións administrativas titularidade das entidades FRIVIPESCA CHAPELA S.A., en Redondela, PESCAFRESCA S.A., na área portuaria de Bouzas, e FRIGODIS S.A. en Beiramar, e a simultánea transmisión destas, así como da concesión da que é actualmente titular PESCANOVA S.A. en Chapela (Redondela), pola vía de segregación, a favor de PESCANOVA ESPAÑA S.L.











