O Teatro Colón comeza a cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado
O luns 12 de outubro ás 20:30 horas o Coro Gaos dará un concerto no que interpretarán temas de A. Praetorius, B. Britten, A. Yagüe, M. Zumalave ou E. Whitacre, entre outros. O Coro Gaos nace en outubro de 2010 como continuación do proxecto da Orquesta Gaos, está constituído por máis de 60 voces con ampla experiencia en diferentes coros da comunidade. O seu repertorio é principalmente ‘a capella’, aínda que tamén interpretan música sinfónico-coral.
Do mércores 14 ao sábado 17 de outubro o Teatro Colón acolle a cuarta edición da Mostra de Teatro Afeccionado. Este ano está dedicada ao grupo de teatro Valacar –vinculado á ONCE- que abrirá a mostra o mércores 14 ás 20:30 horas coa obra ‘Somos tan imbéciles’. Ao remate da función terá lugar un mesa-coloquio para coñecer o traballo deste grupo que integra a persoas con discapacidades visuais.
A mostra continuará o xoves 15 con ‘La vida es sueño’ do grupo Jueves Te-Antro, o venres 16 con ‘Caso Retrete’ da Asociación Cultural e Teatral Trotaconventos. O sábado 17 o grupo Sal-Monela Teatro será o encargado de pechar esta edición coa obra ‘Tan perfecto no te quiero’. Todas as funcións da mostra son ás 20:30 horas e as entradas teñen un prezo de 5 €.
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche.











