O suplemento de 26.000 euros para indemnizacións é para toda a corporación vilagarcián
A restructuración das partidas que comprenden os 391.000 euros aprobados no último pleno teñen que ver, na súa inmensa maioría, con débedas e compromisos adquiridos polo anterior goberno e gastos non previstos inicialmente no presuposto de 2015. Desa cantidade só 26.000 se destinan ao pago de indemnizacións por razón do cargo –que non “dietas”, xa que estas se destinan a desprazamentos, pernotacións, etcérera- e a súa explicación é ben sinxela: mentres non houbo acordo de organización, os concelleiros que poderían percibir un salario non o fixeron, polo que tiñan dereito ao pago de indemnizacións por asistencia a plenos, comisións de goberno e informativas, tanto do goberno coma da oposición.
Aínda que tecnicamente, dende un punto de vista contable, se titula “órganos de goberno”, en realidade se trata dunha partida destinada a toda a Corporación, é dicir, goberno e oposición, ademais dos gastos de protocolo ou representación. Así, deses 26.000 euros só 17.000 corresponden a indemnizacións, mentres que o resto son gastos que corresponden a compromisos anteriores, como a Copa de España de Vela, as futuras reunións de Amuparna ou do Eixo Atlántico en Vilagarcía ou a reposición da caixa fixa de Protocolo, que a estas alturas do ano está practicamente esgotada e, polo tanto, pouco ten que ver co actual goberno municipal.
A restruturación das partidas é algo absolutamente normal no execución dun presuposto. O feito de que se incremente a partida de indemnizacións non quere dicir que se aumenten os gastos dos órganos de goberno. É máis: se produciu un aforro. O incremento desa partida –que inclúe asistencias de goberno e oposición, pero tamén gastos de protocolo- é de 26.000 euros, pero nos cen días en que non houbo acordo de organización tamén deixaron de pagarse os salarios correspondentes ao alcalde e as dúas tenentes de alcalde liberadas, que suman 34.000 euros. Polo tanto, a efectos contables hai un incremento do gasto de 26.000 euros pero, ao tempo, un aforro, ou “non-gasto” de 34.000. E ambas son partidas distintas en capítulos diversos –unha en “persoal” e outra en “gastos xerais da Administración”- que se xestionan de xeito independente. Un exemplo é ben elocuente do ocorrido nos primeiros meses de goberno: o alcalde apenas cobrou –precisamente pola vía de indemnizacións- apenas 500 euros ao mes.
O resto da redistribución dos 391.000 euros correspondentes á primeira anualidade do proxecto da praza de abastos se corresponde, como xa se dixo, con débedas e compromisos do anterior goberno e co suplemento de partidas que xa quedaron obsoletas, dedicando unha mínima (85.000 euros) parte a investimentos. No primeiro caso inclúense, por exemplo, 85.000 euros para suplementar a partida de recollida de lixo, 70.000 para alumado público ou sendas partidas de 20.000 euros para cultura ou promoción educativa, compromisos ou débedas, en todo caso, imputables ao anterior goberno, non ao actual.
O capítulo de novos investimentos –só 85.000 euros 391.000 euros citados, equivalente ao incremento na recollida de lixo- se dedicará ao arranxo de rúas, saneamento, e mobiliario urbano –instalación de novos aparcabicis, a mellora da seguridade no contorno do parque infantil da Xunqueira, substituíndo a baranda, ou a ampliación da iluminación do xardín da Ravella, insistentemente reclamada pola veciñanza.











