O servizo de electricidade de Vilagarcía acomete melloras no alumeado público de Vilaxoán
O servizo Municipal de Electricidade, baixo a coordinación da Concellería de Urbanismo e Infraestruturas Municipais, inicia esta semana dúas actuacións de mellora do alumeado público en Vilaxoán. Os traballos responden a sendas solicitudes realizadas por veciños da zona e céntranse na Rúa Benigno Santos e no Parque de Dona Concha.
Os primeiros traballos teñen como obxectivo solventar as carencias lumínicas detectadas polos veciños da Rúa Benigno Santos tras a realización da mellora do contorno levada a cabo hai uns meses. Para distribuír mellor a iluminación e evitar un punto cego que quedaba actualmente, instalarase un novo punto de luz e cambiaranse dous dos existentes a efectos de proporcionar maior intensidade lumínica.
A segunda petición veciñal atendida polo goberno local refírese á zona infantil de xogos do parque de Dona Concha, onde os usuarios queixábanse da escasa iluminación existente, un problema que se fai máis evidente a partir do outono cando os días acúrtanse. Para evitar os posibles obstáculos burocráticos que suporía tramitar ante Portos de Galicia, propietaria dos terreos, o permiso para a instalación de máis torres de alumeado, o Concello opta por unha solución máis rápida consistente en instalar uns reflectores nos catro farois existentes no perímetro da zona infantil para reorientar a luz cara dentro da mesma.











