O Sergas inviste dous millóns de euros na nova central de esterilización do Chuvi
O Servizo Galego de Saúde adxudicou onte a nova Central de Esterilización do Chuvi por un importe de 1,960.200 euros. Este investimento contempla a ampliación e renovación das instalacións e equipamentos actuais, emprazadas no hospital do Meixoeiro. Neste senso, vaise acometer unhas obras de ampliación e acondicionamento para adaptar os espazos aos novos equipamentos.
A Central funcionará como Unidade Centralizada de Esterilización, que dará servizo a todos os centros que conforman a EOXI Vigo, e con capacidade para atender as necesidades xeradas por unha actividade cirúrxica mínima de 40.000 intervencións anuais.
A nova dotación está demensionada e deseñada para acadar os maiores niveis de funcionalidade, eficiencia e seguridade no desenvolvemento de todos os procesos.
Instalacións innovadoras
A Central disporá dunhas instalacións e dun equipamento moderno e innovador, baseado nos seguintes principios funcionais:máxima automatización de todos os procesos e máxima ergonomía das condicións de traballo, cuns niveis adecuados de insonoridade e cunhas condiciones térmicas optimizadas. Estes principios facilitarán acadar a máxima produtividade .
Físicamente, o novo servizo estará estruturado en varias áreas funcionais: área de lavado; área de preparación e empaquetado; área de esterilizado; e área de almacenaxe e transporte.
Entre as novidades máis salientables, cómpre subliñar o seu Sistema de Xestión e Trazabilidade, que posibilitará a integración informática da xestión integral de todos os procesos aos que sexa sometido o material (lavado-descontaminación, inspección, empaquetado, esterilización, almacenaxe, distribución e recepción) así como o control dos propios dispositivos. Isto permite acadar a trazabilidade ao máximo nivel, con alcance ata a área cirúrxica, vinculando o instrumental ao paciente, a súa historia clínica e ao acto cirúrxico específico.
En definitiva, este sistema permitirá garantir a máxima calidade e a eficacia dos procesos, a xestión do instrumental, e a identificación tanto dos pacientes como do instrumental específico utilizado con cada paciente.
Eficiencia enerxética e mínimo impacto ambiental
A nova Central de Esterilización está deseñada con criterios para minimizar o impacto medio ambiental, tanto no referido á eficiencia enerxética -incluíndo uns equipos que reducen os consumos de agua e enerxía eléctrica- como ao consumo de funxibles e produtos químicos e a xeración de residuos.
Entre a próxima aparataxe que vaise incorporar, cabe destacar 4 lavadoras termosdesinfectadoras; 1 sistema de carga e descarga automática; 1 Túnel de lavado, descontaminación e secado automatizado; 1 equipo de tratamento de auga, 1 Central de Dosificación automática de deterxente; 9 mesas de montaxe de instrumental; 4 esterilizadores de vapor; 1 esterilizador de baixa temperatura de formol e vapor; e 1 esterilizador de baixa temperatura de plasma.
Ademais, vaise dotar tamén con 31 Racks de distintos niveis, 28 carros de transportes de contedores e instrumental, 15 mesas de montaxe de técnicas e 165 caixas de transporte, entre outros.
Diminución dos tempos e máximas garantías
As lavadoras desinfectadoras constitúen unha nova xeración de equipos completamente automáticos deseñados para o lavado, desinfección e secado de instrumentos cirúrxicos, equipo anestésico, botellas de succión, material de vidro, e, en xeral, calquera tipo de material circulante.
Unha das súas principais características é a rapidez dos seus procesos, que acortan os tempos de duración, cun tempo de ciclo de 30 minutos para o programa curto, e 40 minutos para o programa estándar.
Tamén hai que por en valor o sistema de almacenaxe e distribución do material estéril e de recollida do contaminado, xa que reúne os máximos requisitos de calidade e garante que o material que sae estéril da Central chegue nas mesmas condicións ao punto de uso; e o que xa foi utilizado (contaminado), retorne con total garantía de seguridade.
Certificación de Calidade
A actual Central de Esterilización do Hospital do Meixoeiro ven de recibir a certificación de calidade pola norma UNE-EN ISO 9001:2008 de AENOR (Asociación Española de Normalización y Certificación)
Esta é a cuarta vez que o hospital recibe esta certificación -a primeira no ano 2002- o que o convertía no primeiro servizo dun hospital galego e un dos poucos de España en dispoñer deste recoñecemento internacional de calidade.











