O Sergas inicia os procesos para a contratación do persoal dos servizos de radioterapia e medicina nuclear do HULA

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos xa iniciou os trámites necesarios para a inminente contratación de persoal especializado para os servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear que o Servizo Galego de Saúde porá en marcha este ano no Hospital Universitario Lucus Augusti.

A intención do equipo directivo da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada do Sergas en Lugo é ir adiantando todos os pasos posibles para que, no momento en que os equipos de alta tecnoloxía sexan entregados ao HULA, o persoal especializado estea xa a traballar no hospital, de forma que sexan partícipes da instalación e posta en marcha inicial de toda a aparataxe coa que posteriormente van traballar.

Deste xeito, a Xerencia de Xestión Integrada do Sergas en Lugo xa iniciou os trámites para a contratación inicial de varios facultativos e persoal especializado para os Servizos de Radioterapia e Medicina Nuclear, que permita a súa inmediata posta en marcha. A medida que a implantación dos novos servizos se consolide aumentarase a contratación de persoal de cada categoría.

En canto ao persoal especializado, os novos servizos contarán con facultativos especialistas en Medicina Nuclear, facultativos especialistas en Radioterapia e facultativos especialistas en Radiofísica, así como con Diplomados Universitarios de Enfermería, Técnicos Especialistas en Radiodiagnóstico e Técnicos Superiores en Radioterapia.

No caso de Medicina Nuclear hai profesionais, como os Técnicos Especialistas en Radiodiagnóstico e os DUEs, que precisan dunha formación e titulación específica e reglada para poder exercer nesta área. Por este motivo, a Estrutura Organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos levará a cabo un plan de formación específico para que todo o persoal da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte que aspire a traballar nesta unidade reciba a formación precisa e dispoña da licencia necesaria que lle permita exercer as súas funcións dentro desta unidade hospitalaria. Así mesmo, habilitaranse períodos de rotación en prácticas por servizos deste tipo noutros hospitais da rede do Sergas.

A contratación inicial destes profesionais completarase posteriormente con outras categorías complementarias necesarias para desenvolver as súas funcións nestes servizos.

A selección do persoal seguirá os procedementos habituais do Servizo Galego de Saúde e estará rematada nas vindeiras semanas, de xeito que se cumpran os prazos para que os novos servizos podan estar habilitados este mesmo ano, aumentando así a calidade asistencial dun centro hospitalario dotado, na maioría das súas especialidades, cos mellores medios técnicos e diagnósticos que hai neste momento no mercado sanitario.

Tecnoloxía de vangarda

O Servizo de Radioterapia do Hospital Universitario Lucus Augusti ocupa unha superficie de máis de 1.700 metros cadrados, nos que se inclúen os dous búnkeres, así como salas de consultas, sala cun TAC para uso exclusivo deste servizo, salas de espera, zona de citación, entre outros espazos. O hospital lucense contará cun acelerador lineal de electróns de última xeración, Clinac ix, de Varian Medical.

O Servizo de Medicina Nuclear dispón de 1.600 metros cadrados, o que fai que entre os dous servizos sumen preto de 3.400 metros cadrados dispoñibles. O Servizo de Medicina Nuclear contará cunha ganmacámara con TAC integrado de última xeración.

A posta en marcha destes dous servizos posibilitará que determinados procesos diagnósticos e terapéuticos podan realizarse no Hospital de Lugo, nas mesmas condicións que se facían ata agora noutros hospitais. Deste xeito, mellorarase substancialmente a atención sanitaria que se presta aos cidadáns, porase a disposición dos profesionais da saúde as últimas tecnoloxías diagnósticas e terapéuticas, e incrementarse a produtividade e capacidade diagnóstica dun hospital de vangarda como o Hospital Universitario Lucus Augusti.

20 de outubro de 2015 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.