O Sergas afirma que as urxencias de Vigo duplican en espazo ás anteriores
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) subliñou que o servizo de urxencias do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), unificadas nunha zona de 6.000 metros cadrados no Hospital Álvaro Cunqueiro dende a pasada semana, duplica o espazo das urxencias dos hospitais Meixoeiro e Xeral, e vinculou as críticas a “outros intereses”.
Nun comunicado, o Sergas indicou que as urxencias tamén contan con dúas novas salas -unha de prealtas e outra de espera de resultados e tratamentos- e dispoñen dunha área de Coidados Críticos de Adultos -comunicada directamente co heliporto e a área cirúrxica- que ten catro postos de reanimación e un box de contención psiquiátrica.
O Sergas recordou que o proceso de integración das urxencias supuxo a suma de dúas unidades separadas de profesionais -o que ten “unha enorme complexidade funcional”- e a incorporación e adaptación de protocolos de actuación.
Así, recalcou que “poucas áreas máis protocolizadas e procedimentadas nun hospital que as dos servizos de urxencias”. Non obstante, considerou que a preocupación que demostra “a práctica totalidade do equipo de profesionais do servizo” corresponde “ao nivel de responsabilidade co que asumen o seu labor profesional”.
Neste contexto, recoñeceu que é “incuestionable” que todo o proceso xera “tensión suplementaria”, se ben manifestou que “sorprende enormemente” que os problemas operativos, funcionais e organizativos que se poidan presentar “non se intenten resolver no ámbito concreto onde están as competencias” e apuntou a que iso pode deberse a “outros intereses”.











