O Santiago Futsal loitará na épica dos Play Off 12/13
17 de Maio de 2013. Pasaron máis de dous anos desde que o Santiago Futsal acadou a súa primeira e única vitoria ante El Pozo Murcia no seu feudo Multiusos Fontes do Sar naquel primeiro encontro de eliminatoria de Play Off da tempada 12/13. Un partido, o daquela noite, no que se viviron dúas remontadas santiaguesas e que sentenciaron os de Santi Valladares cos tantos de Hugo e o meta Álex no último minuto. Aquel resultado, un 6-4 favorable á escuadra local, non permitíu que os do Santiago Futsal conseguisen o pase á seguinte eliminatoria dos Play Off polo título, xa que cederían nos dous encontros posteriores a domicilio; pero sí quedaría marcada para sempre na historia dos encontros entre santiagueses e murcianos.
Aquela, primeira e única vitoria ante a escuadra murciana na capital galega, sería tamén a primeira dos santiagueses co nome deportivo Santiago Futsal tras o seu pasado como Autos Lobelle. Pero tamén sería a primeira e única, ata o momento, de Santi Valladares e o seu corpo técnico no banco do equipo, outrora denominado ‘Casa Branca’, e ao que agora chamamos ‘Guerreiros celestes’.
Máis de 700 días transcorreron dende aquel encontro, e os de Santiago apelan agora á épica daquela noite, na que a fe e a loita por conseguir os obxectivos, puideron cun rival que, a priori, presumíase superior pero que caeu ante a mellor versión de ‘O club da loita’.











