O Santiago Futsal busca a primeira vitoria a domicilio en Tudela
Os ‘guerreiros celestes’ subíronse ao autobús esta mañá para emprender unha viaxe de máis de 700 km con destino Tudela. E é que os de Santiago mídense mañá a un dos rivais directos polas oito primeiras prazas, que esta tempada están especialmente apertadas, con apenas seis puntos de diferenza entre Aspil Vidal Ribeira Navarra, que é sexto e Peñíscola RehabMedic que é duodécimo. No medio, os santiagueses, con seis puntos, asentados na 10ª posición da táboa e que esta xornada buscan a vitoria para seguir crecendo e recortar puntos cun play off que teñen a dous puntos.
Santiago Futsal chega a este encontro tras cultivar a primeira vitoria da tempada ante UMA Antequera a pasada xornada (4-1), nun encontro no que os celestes resolveron na primeira parte con tres goles; dous de Antonio Diz e un do goleador Diego Quintela. Eses tres puntos, sumados aos tres que xa tiña o conxunto galego dos empates ante Peñíscola Rehabmedic (4-4), Magna Gurpea (4-4) e El Pozo Murcia (2-2), sitúan aos de Santiago na 10ª posición da clasificación, igualado a puntos con Elche CF (11º) e Peñíscola RehabMedic (12º) e a só dous puntos do 8º e 9º clasificado, postos que ocupan Catgas E.Santa Coloma e Burela Pescados Rubén.
Pola súa banda, Aspil Vidal Ribeira Navarra é sexto, con 12 puntos no seu marcador. As vitoria ante Jaén Paraíso Interior (3-0) , Jumilla B.Carchelo (6-4) e Elxe CF (4-2) e os empates ante Peñíscola RehabMedic (2-2) e Burela P.Rubén (2-2), servíronlles aos navarro para asentarse nos postos nobres da clasificación. Esta tempada só cultivaron unha derrota, ante Catgas E. Santa Coloma na 5ª xornada por 5-2.
Nos encontros anteriores entre navarros e santiagueses en Liga, a balanza equilíbrase con dúas vitorias para cada un dos conxuntos. Mentres que os dous primeiros encontros saldáronse con vitoria a domicilio do Santiago Futsal: 5-8 na 11/12 e 1-2 na 12/13, os dous últimos partidos foron para o lado laranxa : 3-1 na 13/14 e 4-3 na 14/15. A tempada pasada, a pesar de ir perdendo 4-1, os celestes reduciron distancias nos 2 últimos minutos ata o 4-3 co que se finalizou.
Para o encontro de mañá, os de Santiago contan coas baixas de Pablo Tallón, que segue co proceso de recuperación da operación de ombreiro á que se someteu hai unhas semanas; e David Palmas, intervido cirurxicamente da rotura do ligamento cruzado anterior este pasado martes. A eles súmanse Iván Rumbo e Juanjo Catela que non viaxan por molestias físicas.











