O Salón Solwines de Málaga acolleu dúas catas de 15 marcas de viño da D.O. Rías Baixas

Viños Rías Baixas en Málaga
Os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas protagonizaron onte dúas catas comentadas na primeira edición do Salón Internacional dos Grandes Viños Brancos e Rosados na Costa do Sol e Produtos Gourmet (Solwines), unha cita que se desenvolveu en Málaga os días 27 e 28 de outubro.
O secretario xeral do Consello Regulador, Ramón Huidobro, foi o encargado de conducir ambas as sesións, acompañado polo prestixioso xornalista e presidente de honra de Solwines, Enrique Bellver. Ramón Huidobro manifestou a súa satisfacción pola calidade dos produtos presentados nesta cita, así mesmo destacou que se trata do primeiro evento onde os protagonistas foron os viños brancos e rosados, pois nesta feira non se expuxeron viños tintos. O secretario xeral encomiou “o interese crecente dos consumidores por esta tipoloxía de viños, que en España sempre estiveron arrinconados a pesar da gran calidade das elaboracións”. Neste sentido, animou “aos consumidores a achegarse aos viños brancos e rosados de calidade, en calquera das súas elaboracións ou territorios vitivinícolas, porque as condicións de clima e chans, así como as variedades españolas permiten elaborar uns viños dunha moi alta calidade e cunha moi boa valoración por parte da crítica internacional”.
Baixo o título A diversidade dos viños da D.O. Rías Baixas¸ ofreceuse unha primeira cata comentada dun total de oito marcas pertencentes a outras tantas adegas. Os asistentes a esta sesión tiveron a oportunidade, da man das explicacións de Ramón Huidobro, de distinguir os variados perfís aromáticos e de sabor das oito marcas presentadas, entre as que se atopaban viños elaborados en distintas subzonas da denominación de orixe, así como monovarietais e plurivarietais.
A segunda das catas centrouse no último dos produtos amparados por esta denominación de orixe: Os espumosos da D.O. Rías Baixas. Neste caso, foron sete as marcas presentadas nesta sesión que, novamente, foi conducida polo secretario xeral do Consello Regulador, acompañado polo xornalista Enrique Bellver. Ambas as catas dirixíronse a máis de corenta profesionais do sector.
Nove adegas de Rías Baixas participaron no Salón Solwines, unha cita que congregou nas instalacións do Pórtico de Velázquez a 150 adegas que acudiron cun total de 300 referencias de viños internacionais, ademais dos produtos gourmets e licores ‘premium’. Este evento dirixiuse a responsables de compras, distribuidores, importadores, catadores, cociñeiros, profesionais, así como a residentes estranxeiros e grandes amantes destes viños. Tal e como indicou Enrique Bellver, “o Salón Solwines nace con vocación de converterse no gran escaparate internacional na capital da Costa do Sol, que congregue en Málaga a todos os grandes produtores de brancos e rosados para dar a coñecer mundialmente os seus viños”. Esta feira contou na súa primeira edición con máis de 5.000 visitantes e está prevista que continúa a súa andaina cunha periodicidade bienal.











