O Salón do Automóbil de Ocasión de Expourense érguese como referente para o sector en Galicia

Inauguración do Salón do Automóbil de Ocasión
Descontos que parten desde os 1000 euros, prezos especiais de feira para animar aos visitantes e a maior oferta en coches de Ocasión de Galicia. Isto é o que nos ofrece desde hoxe até o vindeiro domingo o 7º Salón do Automóbil de Ocasión que organiza Expourense coa colaboración da Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, A.C.A.U.T.O.
Despois do éxito alcanzado o pasado fin de semana no Salón do Vehículo Novo, os expositores mostran o seu optimismo e contan con pechar de aquí ao domingo a venda de numerosos vehículos xa que presentan “unha oferta completa que responde o público con prezos especiais só para estes días”.En palabras de Santiago Garza, tesoureiro de A.C.A.U.T.O. “os vehículos de ocasión son a nova aposta do sector do automóbil, trátase dun nicho de mercado que na actualidade está a lograr unhas grandes cifras de vendas e satisfacción entre os que compran un vehículo destas características”.
Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil durante o salón, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido e que supón o desconto máis grande realizado en feiras deste tipo en Galicia.
As principais novidades deste ano son o patrocinio de ABANCA e o feito de que todos os vehículos expostos neste salón estarán revisados por Applus+ Automotive, empresa de recoñecido prestixio que presta servizos de inspección regulamentaria de vehículos e solucións para ensaios de emisións e gas a nivel mundial. A través do seu programa Applus+ VO, levará a cabo a revisión dos máis de 300 vehículos expostos co obxectivo de asegurar o cumprimento dos estándares de seguridade, fiabilidade mecánica, estética e comercialización. As revisións levaronse a cabo os días 29 e 30 de outubro coincidindo coa entrada dos automóbiles ao recinto de Expourense.
Este Salón presenta unha ampla oferta de vehículo de Ocasión, un concepto no que entran os coches de quilómetro cero, seminovo, de xerencia, substitución, mostra ou de segunda man. Á hora de comprar un coche de ocasión, desde A.C.A.U.T.O. recoméndase acudir a profesionais xa que estes ofrecen unhas garantías inexistentes entre as transaccións entre particulares. Por lei hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas as que estenden esta garantía até dous anos ou máis no caso de coches seminovos (de 0 a 3 anos), outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, do que se encarga o profesional.
A maior exposición de coches de ocasión de Galicia oferta vehículos desde 3.000 euros, aínda que “o vehículo tipo” nesta cita é o do mercado de Ocasión en España, isto é, un coche que ronda os 13.000 euros e que conta con até 5 anos de antigüidade. Os visitantes do salón poderán atopar de aquí ao domingo unha ampla oferta en vehículos familiares e industriais.
Como en todas as feiras que organiza Expourense, aqueles que se acheguen en tren até Ourense nos días de celebración deste salón poderán beneficiarse dun 35% de desconto en todas as liñas, incluíndo AVANT.
O horario de feira será mañá sábado de 10.00 a 20.00 h. e de 11.00 a 20.30 h. o domingo.











