publicidade hoxe

O rexedor de Frades agradece que a Deputación respecte o proxecto de senda peonil

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFrades
A-
A+

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, agradece que o novo goberno da Deputación da Coruña “respectase o proxecto de andén peonil na estrada provincial en Vista Alegre, na parroquia de Galegos, un compromiso do anterior executivo de Diego Calvo que xa fora aprobado no pasado mandato na Comisión de Vías e Obras”.

O investimento deste proxecto ascende a 149.159 euros. Inclúe a construción dun andén peonil de preto dun quilómetro de lonxitude, cunha anchura de 1,80 metros. O material empregado para a súa superficie será unha aplicación de slurry en cor e a zona entre a beiravía e o andén estará separada por un bordillo de formigón. A nova infraestrutura vaise situar na marxe esquerda do vial, en dirección cara á Ponte Carreira.

Roberto Rey sinala que esta obra era moi necesaria e vai ser moi beneficiosa para os habitantes de Vista Alegre: “un núcleo de poboación de tanta relevancia no concello precisaba esta mellora na seguridade viaria dos veciños e veciñas”. O alcalde expón que este era un proxecto reclamado desde hai doce anos, cando a Deputación comezou a construír sendas peonís nas estradas da súa titularidade. “Das catro propostas que trasladamos desde o principio, esta é a segunda que se vai levar a cabo, e imos seguir reclamando as outras dúas”, anuncia Rey.

9 de outubro de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.