O reitor da USC prevé un 2016 con estreitezas económicas para a universidade
Recuperar o “prestixio social” da universidade e achegar mecanismos para que a crise “non “volva acontecer”, son algunhas das claves achegadas este mércores polo reitor da USC, Juan Viaño, sobre o papel que debe xogar a educación superior e a situación concreta da institución académica de Santiago, vaticinando que virá un 2016 “con estreitezas” económicas pero confiando en rexistrar crecemento a final dese ano ou en 2017.
Durante a súa conferencia no marco do ‘Forum Europa’, celebrada no Hostal dos Reis Católicos de Santiago, Viaño quixo lanzar unha mensaxe e unha chamada a “recuperar o prestixio perdido” e poñer todo o “talento a disposición da sociedade día a día”, co fin de que o tecido económico atope “solucións” nos profesionais formados na universidade e así incrementar o apoio da empresa
O reitor da USC cre que aínda non se saíu da “profunda crise” económica que tamén sufriu ao universidade, e que espera un 2016 con “estreitezas” que “non se poden obviar” e a posibilidade de aumentar os ingresos, aínda que grazas aos pasos dados se pode “ver a luz ao final do túnel” coa perspectiva de rexistrar crecemento a finais dese mesmo ano ou de cara a 2017.
En materia financeira, Viaño sinalou que na USC un alumno non paga máis que o 20 por cento dos seus estudios de grao, a diferencia doutras institucións nas que ascende o 50%, mentres que o 80% restante se custea a través de achegas de diversas entidades, onde o peso do diñeiro público debe ser “o principal sustento”.
Neste marco, defendeu a aposta “arriscada” de que este financiamento debe estar fundamentada baseándose nos “resultados” da súa actividade, constatando tanto os “éxitos” como os “fracasos” da súa acción, que debe centrarse en dotar ao tecido produtivo de “avances” e do “talento” do sistema, “para recuperar ese prestixio perdido”, pero sen converter a universidade nun “conxunto de edificios onde se explican conceptos”.
Así, o Plan de Financiamento universitario representa ese “sustento” das institucións académicas e valora o “esforzo” da Xunta nesta materia, a achega pública está “lonxe” de ser a “ideal” na educación superior.
Co obxectivo de “xogar nesa liga” e consolidar a universidade no camiño da “internacionalización”, Viaño cre que se deben deixar de falar “tódolos días” de axustes e plans de reequlibrio para centrarse na “educación” da sociedade como “razón de ser” do sistema.
APOIO EMPRESARIAL
Tamén situou a necesidade de “dar resposta” ao tecido empresarial para “convencer” de que a universidade “achega solucións” e conseguir un incremento do apoio deste sector, dado que “nada ten que ver” a realidade galega coa doutras institucións académicas, como en Gran Bretaña.
“Parte é a nosa culpa”, recoñeceu Viaño, quen trasladou o seu “orgullo” polo millar de empresas que colaboran coa institución e a relación “positiva” co sector, ademais das achegas de “mecenas” que ceden o seu patrimonio. A pesar diso, sinalou que o obxectivo non debe ser o “lucro” nin o “beneficio económico”, senón lograr un “equilibrio” e un “compromiso social” co sistema público.
O reitor compostelano tamén insistiu na necesidade de “poñer os mecanismos para poder reter” o “talento” investigador en Galicia, tanto por parte da universidade coma da Xunta e as empresas, dado que non se pode permitir “unha sangría” que suporía perder “todo” en “cuestión de poucos anos”, algo na que xa se insistiu dende a CRUE.
PLAN DE REESTRUTURACIÓN
Viaño referiuse ao longo do seu discurso ás palabras de Keynes e o seu abandono do tratado de Versalles, reflexionando que podería supoñer o xerme dunha gran guerra polas “consecuencias económicas da paz”. Neste sentido, apuntou a necesidade de ser “prudentes e hábiles” para trazar un modelo que permita avanzar a recuperación económica da institución e instaurar os mecanismos “para que iso non volva acontecer”.
Tras partir dunha situación de 14 millóns de déficit e uns 50 de débeda, a USC decidiu afrontar o reto “con firmeza” a través dun plan de reequilibrio, aumentar ingresos mediante a captación de estudantes e adaptar as estruturas ás necesidades actuais mediante redución de traballadores a través dunha filosofía “de bisturí”, controlando o crecemento de determinadas áreas para facilitar o incremento noutras “pioneiras”.
O obxectivo foi a implantación dun modelo que permite unha maior eficacia e calidade, simplificando a xestión burocrática, apostando polas novas tecnoloxías, e reducir en 30 por cento os departamentos de organización docente nunha segunda fase de aforro.
Tamén valorou o “acerto” das dobres titulacións, logrando un “aumento significativo” da matrícula, e a “mellora” na oferta académica. Neste sentido, sinalou que a sociedade necesita profesionais “cualificados” e que saiba “afrontar problemas dende unha perspectiva múltiple”.
Viaño reiterou, así, a importancia de recuperar o “prestixio social de ser universitario”, algo que se viu prexudicado pola “hiperespecialización” e por ensinar a “apertar un parafuso” esquecendo que detrás “hai un motor” e unha carrocería.
TRES UNIVERSIDADES
A preguntas dos asistentes o reitor tamén se referiu ao “debate inútil” sobre se debe existir unha única universidade en Galicia, defendendo que, aínda que hoxe en día se tomaría outro postulado diferente á segregación formulada hai “25 anos”, a decisión de contar con tres institucións académicas foi a “correcta” no momento e todas “deben seguir adiante”, algo que “non está fora de lugar” en comparación a outros territorios.
Tamén valorou o acordo para a docencia clínica entre a Xunta e as institucións académicas, que se asinará esta semana, e referiuse ao proxecto “ilusionante” do Campus da Cidadanía, ante a “grande potencialidade” das áreas de Humanidades e ciencias sociais para “crear sinerxías”.
Tampouco quixo entrar a valorar a necesidade de implantar UNED a Santiago, aínda que si vai necesario de “facer un esforzo” polo ensino a “distancia” ou “online”. Preguntado polas necesidades de actuación no Campus Sur, Viaño sinalou que “necesita unha revisión” e espera contar “coa boa vontade” do Concello para actuar ao respecto.











