O radar da DXT detecta en doce días a 77 vehículos circulando a velocidades excesivas por vías de Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A Policía Local rematou onte unha das campañas de control de velocidade que leva a cabo de forma periódica en colaboración coa Dirección Xeral de Tráfico. Vilagarcía dispuxo do radar móbil da DGT durante doce días do mes de outubro nos que realizou medicións de velocidade nas principias vías urbanas e interurbanas do municipio, dando como resultado a detección de 77 vehículos infrinxindo con amplos marxes os límites establecidos en cada zona.

A campaña desenvolveuse entre o 5 e o 27 de outubro. Nese período o radar móbil foi alternando os controis entre seis das vías que soen rexistrar maior problemática no que a exceso de velocidade se refire. Foron a Avenida Agustín Romero, Valentín Viqueira (Carril), Avenida de Pontevedra, Avenida de Vilanova, Vilar-Bamio e O Vento-Cea. En total mediuse a velocidade de tránsito de 11.220 vehículos de motor.

Como é habitual neste tipo de campañas, o radar só salta cando un vehículo supera en máis de 10 quilómetros hora o límite máximo establecido para esa vía. Todas as denuncias cursadas pola Policía Local nesta campaña, as 77, corresponden a vehículos que en rúas urbanas limitadas a 50 superaban os 60 quilómetros por hora, ou que transitaban por vías interurbanas a máis de 80 quilómetros por hora cando a velocidade máxima está fixada en 70.

O obxectivo da realización destas campañas periódicas de control da velocidade é reducir os accidentes de tráfico e os atropelos, así como a gravidade dos mesmos. Trátase de campañas preventivas que pretenden sensibilizar a poboación sobre a conveniencia de respectar os límites e as normas de circulación e seguridade viaria, neste caso no que á velocidade se refire, e tamén que buscan un efecto disuasorio inmediato nos condutores.

29 de outubro de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.