O presidente do tribunal reprende á avogada de Basterra por interrogar a Jaramillo coma se fose un acusado

Sesión do xuízo
O presidente do tribunal, Jorge Cid, reprendeu a avogada de Alfonso Basterra, acusado xunto á súa exmuller Rosario Porto pola morte da súa filla Asunta en setembro de 2013, ao entender que está a interrogar a Ramiro Cerón Jaramillo, o home cuxo perfil xenético coincide cos restos achados na camiseta da nena, “coma se fose un acusado máis”.
Varias preguntas da letrada, Belén Hospido, foron rexeitadas polo presidente do tribunal ao consideralas “impertinentes”. En concreto, a defensa do acusado formula cuestións sobre onde se atopaba este individuo na noite do crime, e este asegurou que estaba a cear en Madrid.
Na oitava sesión do xuízo, a sétima con presenza dos acusados, Basterra cambiou a chaqueta negra que levou o resto de días -a excepción do primeiro- por unha sudadera gris. Porto, mentres, continúa vestida de rigoroso negro.











