O presidente de DMD cre que o caso de Andrea entrou nunha espiral de tratamentos fútiles e desproporcionados

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O doutor Luís Montes, presidente federal da asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD), sinalou que o caso de Andrea, a menor cunha enfermidade irreversible cuxos pais lograron que non se manteña a súa vida artificialmente, “entrou nunha espiral de tratamentos fútiles e desproporcionados”.

Nunha entrevista, este anestesista, que foi denunciado en 2005 pola Comunidade de Madrid pola morte de pacientes terminais con sedacións elevadas, subliñou que o caso de Andrea é “de libro, de manual”. “A petición dos pais (de que se suspendese a nutrición artificial) axustábase a dereito”, sinalou, á vez que eloxiou a “coraxe” da familia da menor.

Por iso, o doutor Montes acolleu “positivamente” a decisión dos médicos de retirar a Andrea o soporte vital, mantendo a hidratación, e iniciar a sedación. Segundo apuntou, “foi decisiva” a “presión social” e dos propios pais, ademais da “rápida mediación da Xustiza” para que se tomasen as medidas adecuadas”.

“O caso desta nena é de manual, fíxose o que se tiña que facer, porque se entrou nunha espiral de tratamentos fútiles e desproporcionados, e esa espiral rompeuse por mediación externa, pola acción da familia, os medios e a sociedade”, explicou.

Este médico lembrou que, a pesar de que “existe un marco xurídico” en Galicia para abordar casos de enfermos terminais, “os dereitos dos pacientes e dos cidadáns se conculcan diariamente”, e puxo como exemplos os dereitos á vivenda e ao traballo. No caso de Andrea, Montes apuntou que se entrou nunha dinámica de non aceptación da morte”, e indicou que “posiblemente houbo unha colisión entre a ideoloxía ou o que pensaban os médicos, e o que tiñan que facer”.

PEDAGOXÍA E MARCO XURÍDICO

O presidente da asociación DMD lamentou que “falta moita pedagoxía na sociedade” acerca da morte digna, e mesmo da propia morte. “Pero o cambio non virá de parte da ideoloxía dominante, ten que ser a pedagoxía cidadá, a loita polos dereitos”, afirmou.

Luís Montes apostou por “abrir definitivamente o debate sobre a morte digna” na sociedade, e advertiu de que é necesario “aclarar conceptos”, porque o termo ‘morte digna’ é un “caixón desastre” no que se mesturan ideas que non son exactamente iguais, como son eutanasia, sedación paliativa, suicidio asistido, rexeitamento aos tratamentos, etc.

Finalmente, o doutor subliñou que o actual marco xurídico sobre os dereitos dos enfermos terminais e as súas familias “non é o adecuado”, e lembrou que “o actual código penal considera delito que un médico axude a morrer a un paciente”. “Pode ser acusado de homicidio e pode ir ao cárcere”, incidiu.

Nese sentido, lembrou que “os cidadáns son cada vez máis conscientes de que a súa vida é súa, e que a vida ás veces tórnase en dor, non é unha boa vida”. Por iso, avogou porque se aborde a elaboración dunha “lei de dispoñibilidade da propia vida”.

6 de outubro de 2015 | 12:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.