O presidente da Xunta estará atento ao desenvolvemento da denuncia a Baltar
O presidente da Xunta de Galicia e presidente do PP de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, evitou pronunciarse sobre a denuncia presentada por unha muller que acusou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, de ofrecerlle unha praza fixa a cambio de sexo, e avogou por esperar “a ver exactamente que acontece con esa denuncia”.
En declaracións aos medios tras participar no acto de toma de posesión do novo presidente do Porto de Vigo, Núñez Feijóo afirmou que “a Xustiza se ten que pronunciar” con respecto a esa denuncia, realizada ante a Fiscalía o pasado 13 de outubro, pero tamén sobre a “resposta” de Baltar, que anunciou que acudirá aos tribunais “para defender a súa honra”.
“Imos ver o que a Xustiza nos concreta. Estaremos atentos ao desenvolvemento dunha denuncia e dunha contradenuncia, ou da decisión xudicial que está a instar o presidente da Deputación de Ourense”, subliñou.
Sobre se mantén o seu respaldo a Baltar, á marxe do desenvolvemento do procedemento xudicial, Feijóo evitou posicionarse e respondeu: “Creo que xa contestei suficientemente”.











