O POS e o PAS da Deputación da Coruña repartirán 57,2 millóns de euros con criterios obxectivos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+
Europa Press

O pleno da Deputación da Coruña aprobou hoxe o Plan de Cooperación ás Obras e Servizos municipais (POS 2016) e o novo Plan de Acción Social (PAS- 2015), presentado recentemente polo Goberno provincial, que repartirán con criterios obxectivos 57,2 millóns de euros entre os 93 concellos coruñeses.

Aos 24,2 millóns do POS súmanse esta ano os 33 millóns de euros do novo Plan de Acción Social (PAS) presentado recentemente polo executivo provincial, e que irá destinado a colaborar cos concellos no financiamento de investimentos financieiramente sostibles e que teñan, na súa maior parte, un carácter social relevante.

O PAS, que foi aprobado por unanimidade de todos os grupos polílticos da corporación provincial, distribuirá estes 33 millóns de euros empregando os mesmos criterios equitativos de reparto que o POS ven empregando dende os anos 80, tal e como reclamaron maioritariamente os alcaldes da provincia na reunión que mantiveron o pasado 25 de setembro co presidente e a vicepresidenta da institución provincial, na que se presentaron as liñas fundamentais deste novo programa e na que, por primeira vez, se recolleron súas propostas e ideas dos rexedores locais.

A cantidade asignada a cada concello calculouse aplicando as variables ponderadas de cota fixa (10%), esforzo fiscal (5%), número de parroquias do concello (15%), poboación (rural no caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes- 35%) e superficie (35%).

No caso dos concellos fusionados sumarase o importe que lles correspondería aos municipios separadamente antes da fusión.

Este reparto vai na liña do compromiso adquirido polo Goberno da Deputación da Coruña de priorizar o reparto de fondos aos concellos mediante plans con criterios equitativos, evitando a arbitrariedade na asignación dos recursos e dando autonomía aos concellos na súa xestión.

O pleno aprobou tamén o POS 2016, dotado con 24,2 millóns euros, e que este ano incorpora como novidade a posibilidade de que cada concello destine ata o 50% do importe asignado a gasto corrente, en lugar do 40% que se reservaba en anos anteriores. O outro 50% destinarase obrigatoriamente á realización de obras ou subministracións precisas para a efectiva prestación dos servizos.

O POS foi aprobado cos votos favorables de todos os grupo políticos da Corporación, agás o Partido Popular, que xustificou a súa abstención na supresión do plus do 20% para o concello de Oza-Cesuras que establecera o anterior Goberno provincial dentro do citado plan.

Plan de optimización de recursos en lugar de “premios” no POS

Neste sentido, o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou que, como xa avanzara no seu discurso de investidura, o Goberno provincial vai a fomentar as iniciativas colaboración intermunicipal “porque cre na optimización de recursos”.

“Sen dúbida a fórmula máis atrevida e a que máis sacrificos esixe é a fusión de dous concellos, pero iso non quere dicir que dende esta Deputación non deban terse en conta outras fórmulas e modelos que están xa en funcionamento e que son tamén claras optimizadoras de recursos e da eficiencia dos propios concellos, como son os consorcios ou as mancomunidades”, afirmou González Formoso, que considerou “insuficiente” que aposta da Deputación neste sentido se limite a “un premio ou un recargo dunha porcentaxe” no POS.

Frente a este modelo, o presidente da Deputación apostou por “ir un pouco máis alá, facer un plan e dotalo para este ano cunha importante cantidade económica” para desenvolver proxectos de colaboración entre municipios. Unha nova fórmula “na que o concello de Oza-Cesuras vai estar cómodo”, afirmou González Formoso, que lembrou ademáis que este tipo de plans xa se levan anos desenvolvendo en numerosas deputacións de toda España.

“Pídolle confianza e tranquilidade”, dixo o presidente ao alcalde de Oza-Cesuras, presente entre o público do Salón de Plenos da Deputación, porque “ninguén vai a perder e todo o mundo vai a gañar. Ao mellor a Oza-Cesuras e aos seus veciños esta fórmula lle convén máis. Escóitena”, puntualizou.

“Vamos a traballar en positivo, pero permitídenos que teñamos a posibilidade de imaxinar novas fórmulas que tal vez incluso convenzan máis aos implicados”, rematou o presidente da Deputación, que permitiu intervir no pleno ao rexedor para expor a súa postura.

Residencia Universitaria no Calvo Sotelo

O pleno da Deputación aprobou ademáis unha emenda mediante a cal o Concello da Coruña se incorpora ao convenio que regula a cesión de uso de parte das instalacións do centro Calvo Sotelo para o seu uso como residencia pública universitaria.

A vicepresidenta Goretti Sanmartín saudou a incorporación ao proxecto de “todas as administracións que teñan interese en facer realidade esta demanda histórica” de dotar á cidade da Coruña, a única urbe universitaria de Galicia que non conta cunha infraestrutura destas características, dunha residencia pública para estudantes universitarios. Pola súa banda, o portavoz de Marea Atlántica, agradeceu “a vontade de diálogo e cooperación” do Goberno provincial

O protocolo contempla a cesión dunha superficie de 2.212 metros cadrados do edificio, propiedade da Deputación, dos que 115 m2 serán na planta baixa, 1.004 m2 na primeira planta e 1.092 na segunda, así como unha reserva orzamentaria máxima de 2,6 millóns de euros, dos que 1,5 destinaranse ás obras da zona residencial e o millón restante a outras obras de mellora e adecuación do complexo, no que se ubica tamén un instituto de formación profesional.

A Deputación tramitará o expediente de desafectación da parte do inmoble que se destinará a uso residencial e contratará, mediante procedemento aberto, as obras de adaptación. A UDC, pola súa banda, asumirá os gastos de funcionamento e mantemento da futura residencia, así como os de persoal, mobiliario e equipamento.

A cesión terá unha duración de 10 anos, prorrogable por outros cinco de forma expresa.

Estradas provinciais

O pleno de hoxe deu tamén luz verde a investimentos por importe de 2.527.565 euros para a mellora da rede viaria provincial en estradas dos concellos de Ferrol (Travesía DP3604 de San Xoán de Figueira a Catabois- 797.756,92 euros), Frades (Mellora da seguridade vial na estrada DP3802 Vistalegre-Galegos- 149.159,10 euros), A Laracha (Mellora da seguridade vial na DP0514 entre Xermaña e Caión- 307.957,60 euros), O Pino (Travesía na DP6601 dende a N-547 ao lugar de Outeiro- 429.803,22 euros), Muxía ( Remodelación e acondicionamento da travesía de Senande na DP3403- 484.680,38 euros), Malpica de Bergantiños (Senda peonil na DP-4307 de Malpica a Ponteceso- 129.152,94 euros), e Oroso (Senda peonil na DP 3801 de Sigüiero a San Mauro- 229.054,91 euros).

Convenios con entidades e concellos

O pleno provincial aprobou ademáis máis de 1,5 millóns de euros para convenios con entidades e concellos, entre os que destacan os 605.000 euros que a Deputación destinará a cofinanciar, xunto co Concello da Coruña e a Fundación Emalcsa, a 80 edición da Copa do Rei de baloncesto, que volve despois de 23 anos a Galicia e cuxa fase final se celebrará na cidade herculina, que acollerá no Coliseum os cuartos de final, as seminifinais e a final deste evento deportivo, ou os 252.000 euros que percibirá o Concello de Santiago para financiar actividades culturais como o XII festival de curtametraxes “Cortocircuíto” e para o sostemento do centro sociocultural e xuvenil do Ensanche.

O financiamento das actividades do museo do Pozo do Cachón en Muros, con 20.000 euros ou os 39.392 euros que recibirá a asociación Euroeume para a creación e promoción da marca “Produtos do Eume” foron outros dos investimentos aprobados.

8 de outubro de 2015 | 17:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.