O porto de Vigo recibe a escala de dous súper guindastres de 45 metros de altura

Super guindastres
O Porto de Vigo recibiu a última hora da tarde de onte a visita imprevista dunha composición marítima formada por unha pontona, dous guindastres Panamax e un remolcador que decidiron gorecerse do mal tempo nas abrigadas augas da ría viguesa.
Procedentes da cidade italiana de Livorno, permanecerán atracadas na Estación Marítima viguesa até, previsiblemente, o vindeiro domingo, día 1 de novembro, á espera de que o mal tempo amaine, momento no continuarán coa súa travesía rumbo a Bordeus (Francia).
Esta imaxe é xa habitual nas augas viguesas, cuxas 14.000 hectáreas serven de abrigo a decenas de buques que ven obrigados a interromper a súa travesía como consecuencia do mal tempo. De feito, moitos destes buques deciden fondear fronte ás Illas Cíes, onde existe un fondeadeiro para case unha vintena de buques de gran calado, tanto como lugar de refuxio en caso de condicións adversas, como punto de espera antes de operar no Porto.
No caso da composición marítima atracada no Peirao de Transatlánticos, trátase de dous guindastres Panamax de 20 metros de lonxitude, 30 de ancho e 45 de alto e un peso cada unha de 1.800 toneladas.
As súas especiais características técnicas e a garantía que supón dispor dun Porto como o de Vigo, aberto as 24 horas do día, os 365 días do ano, favoreceron a súa atracada na nosa Ría, debido ás súas condicións naturais de protección e estabilidade, as súas augas tranquilas e o seu calado, características ideais para este tipo de estruturas.











