publicidade hoxe

O pleno de Carballo inclúe a aprobación de dúas operacións de crédito

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+
Rolda de prensa do alcalde

Rolda de prensa do alcalde

A corporación carballesa celebra o luns 26 de outubro unha sesión plenaria ordinaria que inclúe na orde do día a aprobación de dous expedientes, un para unha modificación de crédito e outro para realizar unha transferencia de crédito. No caso da modificación de crédito a operación está destinada, en primeiro lugar, a incrementar a partida para o servizo de axuda no fogar. Aínda que en Carballo este servizo está municipalizado, o persoal existente non chega para cubrir as baixas, as vacacións, os días de asuntos propios, etc., polo que se recorre de forma puntual a un servizo externo que neste ano 2015, debido a acumulación de baixas, supuxo un gasto de 43.000 euros que se cobren con esta transferencia, ata chegar a un total de 188.700 euros de gasto. En segundo lugar, a operación supón unha achega de 15.000 euros máis para as subvencións de acción social a particulares. A crise e as dificultades de moitas familias para cubrir os gastos fai que a partida para estas axudas pase de 80.000 a 95.000 euros destinados a vales de alimentos, facturas eléctricas, alugueres, etc. para persoas necesitadas. Dende o ano 2012, en que a cantidade destinada a acción social era de 25.000 euros, o gasto neste tipo de subvencións tense incrementado no Concello nun 280 por cen. Os 58.000 euros necesarios para a modificación de crédito achéganse grazas á rebaixa de 15.000 euros no contrato de adxudicación para a renovación de parques infantís; a unha operación de tesourería de 28.000 euros; e a un aforro de 15.000 euros na adquisición de vehículos municipais.

No caso do expediente de transferencia de crédito, servirá para abonar o 26 por cento da paga extra dos traballadores e traballadoras municipais -a parte que permite a lei- para compensar a supresión da paga extraordinaria de Nadal do ano 2012. A cifra total para afrontar este gasto ascende a 66.349,81 euros. A primeiros de 2015 o Concello achegou o 25 por cento desta paga, agora achega outro cuarto e está previsto que en 2016 poida abonarse o 50 por cento restante. A orde do día recolle, así mesmo, a aprobación de dúas declaracións institucionais, unha con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero; e outra sobre o apoio ás persoas refuxiadas e á crise migratoria. Na comisión informativa as propostas recibiron o apoio de todos os grupos excepto TEGA, e o Alcalde, Evencio Ferrero, espera que as dúas reciban o apoio de todos os membros da corporación durante o pleno, nomeadamente no caso da declaración con motivo do 25 de novembro, como así se ven facendo nos últimos anos. Así, Ferrero considera “importante que as administracións públicas se posicionen contra calquera tipo de violencia, en especial contra as mulleres”, e lembrou o triste suceso relacionado con esta lacra sucedido hai uns días en Carballo. Tamén espera consenso no caso da moción sobre o acollemento de refuxiados, xa que a proposta para chegar a un acordo quedara sobre da mesa no pleno de setembro á espera de elaborar un texto conxunto, que se redatou en tempo en forma e está en poder de todos os grupos da corporación dende hai días.

Entre os asuntos de trámite, a orde do día inclúe a convocatoria de eleccións para o Consello Escolar Municipal e o Consello Deportivo Municipal, tal e como corresponde unha vez pasadas as eleccións municipais do pasado mes de maio e co obxecto de designar os seus compoñentes. A sesión tamén abordará dous recoñecementos de compatibilidade de traballadores municipais, por parte de Pablo Calvo Periscal, conserxe do Pazo da Cultura; e de María José Pardiño Rial, traballadora do servizo de axuda no fogar. O Alcalde, Evencio Ferrero, resalta que o goberno municipal tende a apoiar estas compatibilidades, sempre que conten cun informe favorable dos servizos de persoal, ao consideralas “un dereito máis dos traballadores e traballadoras”. No apartado de urbanismo, o pleno debaterá sobre a aprobación provisional dunha modificación puntual das normas subsidiarias municipais na Avenida de Bértoa, na rúa Xosé Manuel Eirís. Trátase dun trámite urbanístico relacionado coa construción do hipermercado Lidl. Así, aínda que no seu momento a proposta de edificación recibiu un informe desfavorable da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), agora lévase ao pleno unha modificación pola que a superficie comercial contará con acceso unicamente dende a rúa Xosé Manuel Eirís -en lugar de con dous accesos cono se recollía nun principio- e que conta con informes favorables.

Dúas mocións do PSOE

No apartado de mocións, o grupo municipal do PSOE presenta dúas para o debate plenario. Na primeira delas proponse que o máis axiña posible os Servizos Técnicos Municipais senten as bases esenciais para a rexeneración global do casco urbano para adoptar as solucións encamiñadas á eliminación de barreiras urbanísticas para facer posible a coexistencia segura de peóns, circulación rodada e aparcadoiros. Tamén recolle que, unha vez realizado o estudo e propostas as solucións, se comece inmediatamente cos traballos que se requiran, dando prioridade aos itinerarios peonís máis problemáticos ben polo seu trazado ou estrutura ou ben porque sexan a vía de acceso a edificios públicos por exemplo os accesos ao Pazo da Cultura, Instituto Monte Neme, Biblioteca Municipal Rego da Balsa, CEIP Bergantiños, etc. Na comisión informativa, o texto recibiu o apoio de todos os grupos municipais excepto TEGA, que se abstivo.

A segunda proposta refírese á posta en marcha dun plan de concienciación cidadá para diminuír a presenza de excrementos de cans nas vías públicas. Neste caso, na comisión informativa a proposta contou cos votos a favor de PP e PSOE, coa abstención de TEGA e os votos en contra do grupo municipal do BNG. Evencio Ferrero sinala que “determinados aspectos da moción” son de difícil execución, xa que trátase dunha cuestión de sensibilidade cidadá, máis que da Policía Local, e a ordenanza existente xa recolle as medidas que se deben adoptar e as sancións pertinentes. En todo caso, o Alcalde sinala que se insistirá para que a Policía Local realice un seguimento para que todos os veciños e veciñas fagan un uso correcto dos espazos públicos.

A sesión péchase co punto de seguimento de órganos da Alcaldía, que recolle o Informe de Intervención e Tesourería de medidas contra a morosidade. Neste caso o Concello debe presentar diante do Ministerio de Facenda unha ratio, que no caso de Carballo é dun 9,66 e que, sinala Ferrero, a Interventora municipal cualifica como baixa e dentro das marxes da lei. En todo caso, o Alcalde explica que a implantación da factura electrónica ten xerado certo retraso no abono dos pagos, nomeadamente no caso da factura eléctrica, xa que en moitas ocasións supón dobre traballo, polo que no último trimestre tense superado o período medio de pago de 30 días, chegándose aos 36,68. En todo caso, neste período téñense realizado pagos por un importe de 2.478.037,88 euros cun total de 1020 facturas. Fóra de prazo, téñense realizado 180 pagos por un importe de 303.620,28 euros. Non se rexistraron neste trimestre intereses de demora.

23 de outubro de 2015 | 16:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.