O Pazo da Peregrina acolle o Encontro aberto da Plataforma feminista galega o 28 de outubro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Os veciños e veciñas interesados/as en coñecer polo miúdo a Plataforma feminista galega poden acudir este mércores, 28 de outubro, ás 20:00 horas, ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns, onde se vai celebrar un Encontro aberto con esta entidade. Na devandita xuntanza falarase da “Marcha Estatal contra as Violencias Machistas” que se vai desenvolver o sábado, 7 de novembro, en Madrid. Ames foi o primeiro Concello galego en adherirse a esta iniciativa.

No pleno ordinario celebrado no mes de setembro en Ames, o grupo municipal de Ames Novo, a instancia da Plataforma feminista galega, presentou pola vía de urxencia unha moción a través da que se pedía que Ames se unira á Marcha Estatal contra as Violencias Machistas” que vai ter lugar o 7 de novembro en Madrid. A moción foi aprobada por unanimidade e deste xeito Ames converteuse no primeiro concello galego en adherirse de xeito oficial á iniciativa.

De porque se fai, que significa e como se vai desenvolver esta Marcha Estatal contra as Violencias Machistas”  falarase no “Encontro Aberto da Plataforma feminista galega” que se vai desenvolver o mércores, 28 de outubro, a partir das 20:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. No encontro informarase tamén do servizo de autobuses que a plataforma porá a disposición dos veciños e veciñas que queiran acudir a Madrid e da habilitación dunha fila cero a través da que aquelas persoas que non poden ir a Madrid pero que desexan colaborar con esta iniciativa, poderán facelo aportando unha axuda para o pago dos autobuses.

A Plataforma feminista galega está formada por organizacións, asociacións e mulleres feministas e actúa como un instrumento de participación e acción política, para promover a coordinación de organizacións feministas, partidos políticos, sindicatos e persoas en defensa e promoción dos dereitos das mulleres. 

27 de outubro de 2015 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.