publicidade hoxe

O Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro cada día máis internacional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCampo Lameiro
A-
A+

Atendendo á estratexia de incrementar a súa visibilización e proxección internacional, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro reforza a súa presenza no mercado anglosaxón e francófono coa visita do prestixioso fotógrafo Tom Langlands e coa súa incorporación á guía Routes Culturelles D´Espagne elaborada por Petit Futé, a famosa editora francesa especializada en guías turísticas.

O fotógrafo Tom Langlands coñeceu o Parque Arqueolóxico no contexto dunha iniciativa liderada por Turismo Rías Baixas orientada ao coñecemento e promoción dalgúns dos principais destinos de turismo arqueolóxico da provincia de Pontevedra. O resultado do seu traballo, aínda en proceso de elaboración, podémolo atopar na páxina web do artista.

A inclusión do Parque Arqueolóxico da arte Rupestre xunto a outros dos principais destinos rupestres españois na guía Routes Culturelles D’Espagne forma parte dunha acción promovida desde a Asociación Internacional Camiños de Arte Rupestre Prehistórico en colaboración con outros itinerarios culturais europeos. A guía foi presentada o pasado mes de setembro na Feira Top Resa de París e os primeiros 50.000 exemplares xa están dispoñibles en países como Francia, Luxemburgo, Suíza, Bélxica e Canadá. A presenza no mercado francófono é especialmente importante si temos en conta que, nestes momentos, os visitantes procedentes de Francia son os que alcanzan un maior número entre os turistas estranxeiros que se achegan ás nosas instalacións.

Na Asociación Internacional Camiños de Arte Rupestre Prehistórico xa estamos a traballar para estender esta iniciativa cara ao mercado profesional británico, conxuntamente coa Vía da Prata e Camiños de Paixón.

16 de outubro de 2015 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.