O paciente con sospeita de ébola xa comezou a ser tratado para a malaria

Xurxo Hervada e Víctor del Campo na rolda de prensa
O home de 24 anos de idade, natural de Guinea e con domicilio na Coruña que se atopa illado no Hospital Meixoeiro de Vigo por ser un caso sospeitoso de ébola foi sometido á segunda analítica para determinar se está contaxiado con este virus, despois de que dese negativo nas primeiras probas e de que este mércores pola tarde comezase o tratamento para a malaria.
Segundo explicaron en rolda de prensa o subdirector xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía, Xurxo Hervada, e o xefe de servizo de Medicamento Preventivo do Chuvi, Víctor del Campo, o equipo está pendente das segundas análises que se lle fixeron a noite do mércores porque xa cumpría 72 horas desde que empezou a presentar sintomatoloxía.
Del Campo ratificou que nas primeiras probas analíticas do home, que actualmente se atopa estable e sen febre, deron positivo en malaria, polo que este mércores pola tarde iniciouse o tratamento específico para esta enfermidade. No entanto, indicou que a presenza desta infección “non descarta automaticamente” que puidese padecer ébola.
Así, as segundas probas foron remitidas ao Centro Nacional de Microbioloxía de Madrid, onde están desde as 9.00 horas deste xoves. En principio, durante esta mesma xornada deberían estar os resultados, que se volven dar negativo, permitirían levantar as medidas de illamento do paciente e as restricións a persoas que estiveron en contacto con el.
Entre tanto, os responsables do Sergas confirmaron que se mantén o illamento e, ao non ser necesario unha terceira análise, se as segundas probas dan negativo en ébola poderíase trasladar ao home a unha habitación convencional.
Este martes o paciente acudiu a urxencias do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña e identificouse como un caso sospeitoso de ébola. O home, que foi trasladado ao Meixoeiro na mañá deste mércores desde A Coruña, voara desde Guinea -onde estivo cinco meses visitando a familiares- a Lisboa, desde onde se desprazou por estrada até a cidade herculina, á que chegou o luns pola mañá. Desde entón permanece illado.
PROTOCOLO “BEN ENFOCADO”
Hervada fixo fincapé en que esta experiencia puxo de manifesto que o protocolo sanitario ante un posible caso de ébola estivo “ben enfocado” e o sistema sanitario vigués foi “capaz de seguilo”. “Cando se tivo a sospeita activouse o protocolo con moita profesionalidade e reaccionaron con tranquilidade”, recalcou.
Ao ser cuestionados polo tempo que se tomou desde que foi detectado o posible caso de ébola no Chuac ata que o paciente foi trasladado a Vigo, Del Campo indicou que o tempo veu determinado pola complexidade da toma e envío das probas analíticas, que se tomaron na Coruña e esixen vehículos, embalaxes e equipos de seguridade específicos.
Así as cousas, dixo que desta situación, da que aprenderon “todos”, foi “unha proba de tensión” que se pasou con nota” e que puxo en relevo “o bo facer dos profesionais sanitarios e non sanitarios”. Neste marco eloxiou tamén “a actitude do paciente”, que “axudou a actuar con tranquilidade”.
Segundo os responsables do Sergas, o paciente “sempre está visible” para o equipo que lle atende e mantén comunicación verbal por un intercomunicador. Ademais, o mozo, que está a ser atendido en Vigo por máis dunha ducia de profesionais, pediu papel e bolígrafo para entreterse.











