O orzamento da Xunta para innovación empresarial será en 2016 un 17,5% máis que hai tres anos

Intervención de Francisco Conde nas xornadas
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou hoxe que a Xunta destina ao orzamento de innovación empresarial en 2016 un 7,5% máis respecto á cifra de 2015, e un 17,5% respecto á partida de 2013. O conselleiro incidiu nestes datos durante a inauguración da xornada La industria gallega ante los retos de la innovación, organizada por Faro de Vigo, e que analizou o impulso da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia-RIS3 poñendo o foco na reindustrialización.
Durante a xornada, Conde sinalou que parte deses fondos se porán ao servizo da innovación fabril cara á Industria 4.0, e neste senso resaltou a necesidade de ligar a adaptación do tecido económico galego a esta revolución tecnolóxica, co incremento dos postos de traballo cualificados na comunidade. “Industria 4.0 é tamén sinónimo de traballo, e en concreto de emprego especializado e cualificado”, dixo Conde, que resaltou que as administracións públicas deben dar resposta a estas necesidades e que, precisamente, a Xunta se ten marcado como obxectivo a creación de 50.000 postos de traballo no eido industrial ata 2020.
Conde subliñou os esforzos do Goberno galego para adaptar as factorías galegas á nova revolución industrial, mediante ferramentas como a propia RIS 3 e a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0. Esta última, incidiu, suma 120 millóns de investimento público ata finais de 2016, xerando investimentos por 500 millóns, e xa inclúe medidas de capacitación do talento, impulsando un programa de formación de cadros directivos e intermedios nas tendencias e tecnoloxías da Industria 4.0. Abre así a porta cara ao chamado Traballador 4.0, que conta coas habilidades requiridas no novo escenario, en áreas como aplicacións, interfaces de usuario e integración de sistemas, o Big Data, a ciberseguridade ou as matemáticas, entre outros ámbitos.
Conde defendeu a formación dunha “nova xeración de talento industrial galego”, e adiantou que “será unha das nosas prioridades para 2016” dentro das estratexias de emprego do Goberno galego.
Redución de custos
O conselleiro alertou ante o risco “de non actuar” para adaptarse aos novos cambios tecnolóxicos, xa que “os ciclos de innovación cada vez máis curtos” fan necesaria, defendeu, unha adaptación constante. Neste senso, subliñou a oportunidade que supón ese cambio tecnolóxico asociado á Industria 4.0 para aumentar a competitividade das empresas galegas, e referiuse a un análise realizado pola consultora PWC sobre o impacto que suporá a Industria 4.0 de aquí a 2020, unha transformación que suporía unha mellora dos beneficios do 12,5% de media nas empresas, chegando nalgúns sectores para superar o 20%; un 18% de mellora da eficiencia; e unha redución de custos dun 14%.
“Estamos ante un cambio masivo na forma na que se crea e se captura valor na industria”, dixo Conde, que subliñou a resposta coordinada a ese reto de España (mediante o programa Industria Conectada 4.0) e Galicia, mediante a Axenda da Competitividade Galicia-Industria 4.0 e a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, ou RIS3. Ambas, dixo Conde, parten dun diagnóstico claro sobre o que supón a chegada da Industria 4.0: en primeiro lugar, resaltou, unha integración vertical de sistemas de produción intelixentes, incluíndo a fábrica intelixente, a loxística intelixente, as redes intelixentes de enerxía e os produtos intelixentes, son capaces de comunicarse e interactuar co exterior.
Novas tecnoloxías
Tamén referiuse á integración horizontal dunha nova xeración de redes globais de creación de valor, marcada pola colaboración entre empresas e que supón integrar tanto aos provedores como ás necesidades dos clientes dunha compañía nun sistema global de información actualizado en tempo real. E como terceira clave desta revolución, resaltou a reenxeñería de toda a cadea de valor e do ciclo de vida dos produto, a partir dos avances en tecnoloxías como a intelixencia artificial o internet das cousas; a robótica avanzada, os novos sensores; os avances en virtualización, a impresión en 3D; e os sistemas de produción e análise do chamado Big Data.
Fronte a estos desafíos, a RIS3 se marca tres retos que teñen o norte do seu compás no apoio á innovación das empresas: avanzar cara a novo modelo de xestión de recursos naturais e culturais baseado na innovación; camiñar cara a un novo modelo industrial sustentado na competitividade e o coñecemento, aumentando a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras; e impulsar un novo modelo de vida saudable cimentado no envellecemento activo da poboación.
Encadrada no segundo reto está precisamente a Industria 4.0, apoiando tanto aos nosos sectores estratéxicos como aos emerxentes. Neste sentido, Conde referiuse como unha das iniciativas clave para Galicia o polo de desenvolvemento industrial de avións non tripulados, polo que se teñen interesado as principais multinacionais do sector, e que conta cun investimento superior aos 55 millóns de euros.
Concurso de ideas
De forma paralela, a Axenda Galicia-Industria 4.0 está centrada especificamente no ámbito industrial, buscando que o peso do sector secundario no PIB galego alcance o 20%. Conde puxo o foco na implantación da fábrica intelixente, que concentrará 40 millóns dos 120 que se investirán ata finais do 2016 neste eido, e neste senso resaltou a posta en marcha do concurso de ideas Fabricación Avanzada 4.0 no que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 4 millóns de euros para para elixir e impulsar aos mellores catro proxectos piloto de fábrica intelixente postos en marcha por pemes galegas.











