O novo convenio das ARIS permitirá rehabilitar 33 vivendas das zonas vellas de Vilagarcía, Vilaxoán e Carril

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela firmou onte pola tarde na Coruña o novo convenio das Áreas de Rehabilitación Integradas de Carril, Vilaxoán e Vilagarcía para subvencionar a recuperación de un total de 33 vivendas dos cascos antigos destes tres núcleos urbanos. O importe da actuación a desenvolver entre este ano e o 2016 ascende a 652.377 euros, dos que Ministerio de Fomento e Concello de Vilagarcía financian o 50’4% do custe dos proxectos mentres que os particulares deberán sufragar o 49,6% restante.

Os convenios das ARIs fináncianse a través do Plan Estatal de Fomento do Alugamento de Vivendas, a Rehabilitación Edificatoria, e a Rexeneración e Renovación Urbanas no que participan as tres administracións. De feito os acordos materializados onte foron subscritos polo Director Xeral de Arquitectura, Vivenda e Solo, en representación do administración central; pola Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, por parte da Xunta; e polo alcalde, en representación do Concello de Vilagarcía.

As sumas dos convenios para os núcleos urbanos de Carril e Vilaxoán, así como para o casco vello de Vilagarcía son semellantes. Cada unha das zonas contará para os anos 2015 e 2016 cun orzamento de 217.459 euros para financiar a rehabilitación de 11 vivendas. É dicir, o Ministerior de Fomento destinará ás tres ARIs de Vilagarcía un total de 196.680 euros nestes dous anos e o Concello contribuirá con 132.126 euros.

O reparto do financiamento tamén é igual para todos os casos. A parte subvencionada polo Ministerio de Fomento acada os 65.560 euros e a do Concello os 44.042 en cada un dos convenios. Os particulares que presenten proxectos de rahabilitación a través desta liña de axudas deberán correr co 49,6% dos custes dos mesmos, unha suma que en conxunto se eleva a 107.856 euros en cada núcleo.

Información e trámites na Oficina Municipal de Vivenda, de Fexdega

Os propietarios de vivendas ou edificios incluídos nas áreas delimitadas como ARI en Carril, Vilaxoán e o casco vello de Vilagarcía que desexen acollerse ás axudas á rehabilitación deben dirixirse á Oficina Municipal de Rehabilitación, situada na área administrativa de Fexdega, onde lles informarán dos trámites, prazos e lles ofrecerán asesoramento técnico de cara á redacción dos proxectos.

28 de outubro de 2015 | 19:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.