O Museo Municipal completa o Outono Fotográfico con ‘Espantallos’ e ‘Substantivo Feminino’
A oferta expositiva do Outono Fotográfico no Museo Municipal completouse esta mañá coa presentación das obras Espantallos‘ de Manuel Sendón, e Substantivo Feminino, do portugués Cláudio Garrudo. Xunto con Philosopher, The Lotus Chronicle, da xermana Catrine Val, conforman a oferta expositiva do Museo da rúa Lepanto, que permanecerá aberta ao público até o 15 de novembro.
Os tres artistas quixeron estar presentes na inauguración de hoxe, na que a concelleira de Cultura, Belén Iglesias, destacou “a suma de esforzos para reivindicar un modelo da verdadeira fortaleza cultural que posúe a cidade”. Desta forma, Galicia, Alemaña e Portugal fican unidos “traendo as periferias para o centro”, en palabras do fotógrafo portugués. No tema, e na forma: a obra de Garrudo obriga a meterse na foto a través do marco, unha forma de destacar as contornas dos corpos que expón.
No mesmo sentido expresouse o fotógrafo coruñés Manuel Sendón, quen reivindicou a estética da Galicia rural, “que non fai arte por vontade”, pero a través dos ollos de quen acode á exposición. “Espantallos é unha obra ao redor da reciclaxe”, dixo, “en certo sentido toda a arte é reciclaxe desde Duschamp”. Os Espantallos de Sendón trascenden do marco fotográfico e, por primeira vez na súa carreira, tamén se poden observar a través de vídeos, dándolle ao segundo andar do Museo unha banda sonora moi particular.
O curador da exposición, Vítor Neves, acompañará os tres artistas nunha visita guiada ao Museo Munuicipal, esta tarde do venres ás 20:15 horas.











