O Museo do Mar de Galicia invita a participar nun café científico con motivo da exposición “perseguindo a Mr. Goodfish”
O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, invita a todos os interesados a que se acheguen mañá venres, ás 19,00 horas, a participar dun “café científico” sobre o mundo do mar.
Este encontro está pensado como unha charla distendida e desenfadada na que se aborda a divulgación científica desde unha perspectiva lúdica. Na charla participarán a bióloga mariña Dolores Garabana e a bióloga pesqueira Paz Sampedro (ambas do Instituto Español Oceanográfico), e o actor Vicente Mohedano, que, coa axuda do público, debullarán os segredos mellor gardados da preservación do mar e animarán a rescatar o científico que levamos dentro.
Esta actividade enmárcase dentro das programadas con motivo da exposición “Perseguindo a Mr. Goodfish”, que promove o consumo responsable dos produtos mariños, e que permanecerá aberta ao público ata o 29 de novembro.











