O Museo de Pontevedra duplica as prazas para os obradoiros infantís de Samaín ante a avalancha de solicitudes
O Museo provincial duplicou o número de prazas do seu tradicional obradoiro de Samaín ante a avalancha de solicitudes recibidas: haberá dúas quendas, de 16 rapaces e rapazas cada unha. As prazas ofertadas esgotáronse en apenas 20 minutos desde a apertura do prazo de inscrición, quedando un número importante de solicitudes en lista de agarda que non será posible atender por cuestións de espazo e de recursos humanos do gabinete didáctico do Museo, que é o encargado de realizar esta actividade.
Nesta edición o programa de Samaín do Museo leva por título “Paseando entre caveiras” e inclúe, na xornada de mañá, os obradoiros infantís, que se desenvolverán os días 30 e 31 de outubro, en horario de 10:30 a 13:00 h. O obxectivo é traballar a imaxe das caveiras desde o mundo da arte entre os máis cativos, despoxándoas de dramatismo e de connotacións negativas. Realízase para iso unha actividade inicial que se enfoca como unha xincana, cun percorrido guiado a través das salas do Sexto Edificio na procura de obras nas que a caveira estea presente. Os rapaces e as rapazas contarán coa axuda tanto das monitoras coma de pistas colocadas estratexicamente polas salas e material impreso co que irán xogando e coñecendo de maneira lúdica as obras e o seu contexto. Na segunda parte do obradoiro as e os participantes crearán e decorarán a súa propia caveira, para o cal se lles proporcionarán modelos baseados na arte, con inspiración en máscaras mexicanas, caracterizadas pola súa riqueza cromática e gran vistosidade. Na quenda do venres participarán nenos de 5 a 8 anos; na do sábado, de 9 a 12 anos.
O programa continúa na tarde do venres, ás 18:00 h, coa proxección do filme de animación de Tim Burton “A noiva cadáver”, que terá lugar no salón de actos do Sexto Edificio e que está destinado a todos os públicos.
Posteriormente, ás 19:00 h, realizarase unha visita guiada e comentada polas diferentes salas do Sexto Edificio, nas que se atopan obras nas que a iconografía da caveira está representada. Na visita as persoas participantes poderán coñecer os conceptos artísticos e o contexto e detalles das obras de arte escollidas para este percorrido temático.











