O mercado local do domingo en San Sadurniño rexistra 64 postos inscritos
O departamento de Desenvolvemento local acaba de publicar o listado de inscricións para o mercado local que se celebará este domingo nos xardíns municipais. Son un total de 64 postos dos que unha terceira parte ofertarán alimentos e produtos de temporada. Malia que é moi cedo para dar por boas as predicións meteorolóxicas, a xente do tempo anuncia unha mañá soleada que seguramente contribúa a animar o mercado.
Xunto coa produción alimentaria, o evento tamén acollerá viveiros, puntos de venda de artesanía, postos que mesturan a partes iguais manufacturas e artigos de segunda man e outros centrados exclusivamente nos artigos de colección ou nas oportunidades. E é que se algo caracteriza o mercado local de San Sadurniño é a variedade, entre a que se pode atopar calquera cousa: complementos, obxectos decorativos, curiosidades vintage e, sobre todo, froitos da terra en fresco ou xa transformados, como produtos da horticultura, pan, marmeladas, embutidos, etc.
Nesta edición a alimentación adquire un protagonismo especial, xa que á oferta habitual da horta e da froita seguramente se una a dos cogomelos, as noces e as castañas que, segundo parece, este ano veñen en abundancia e con moi boa calidade.
Como é habitual, o mercado comezará entre as 9.30 e as 10 da mañá, coa diferenza de que neste caso quen queira estar cedo notará menos o madrugón por mor cambio de hora -ás 3 da mañá do domingo o reloxo atrásase para as 2-. Os postos teñen fixada a entrada no recinto entre as 8 e as 9.30h. en quendas de media hora para que a montaxe se desenvolva de forma fluída. O regulamento de participación sinala que os puntos de venda deberán estar abertos ata as 14.30h.
Esta cita naceu co obxectivo de recuperar as feiras tradicionais e potenciar un comercio de proximidade no que se aposte, principalmente, polos produtos de calidade. Outra das finalidades do mercado é servir de escusa para atraer visitantes ao concello que aproveiten para mercar algo, para achegarse a algún dos establecementos hostaleiros do municipio ou para descubrir o patrimonio natural e cultural de San Sadurniño.
De feito, o mapa de recursos turísticos do concello actualizado recentemente, ofrece dúas rutas xusto ao carón do mercado: unha de 2.2 quilómetros centrada no patrimonio con saída e chegada na Casa do Concello e outra de 3 quilómetros, tamén circular, que pasa polo paseo fluvial, a horta de froiteiras, o arboreto e os xardíns municipais.
Charla sobre certificación ecolóxica este venres
En relación coa produción de alimentos de calidade, a Asociación Agroecolóxica A Cortiña ofrece na tarde deste venres -17.30h., Casa da Cultura- unha charla centrada nos pasos que se deben dar para obter o distintivo da agricultura ecolóxica.
Ernesto Sánchez, director técnico do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia falará das condicións que deben reunir as leiras e dos requisitos cos que haberá que cumprir en canto a fertilización, sanidade e laboreo para obter a certificación. Ademais tamén se ocupará da gandeiría, na que a obtención do distintivo ecolóxico está supeditada ao control exhaustivo das terras, da alimentación e do manexo dos animais.