O local social de JUPEMI acolle a charla coloquio “Que o cancro non te deixe sen palabras”
O local social de JUPEMI, a Asociación de Xubilados e Pensionistas do Milladoiro, acolle este xoves 22 de outubro, as 19:30 horas, unha charla que levará por título “Que o cancro non te deixe sen palabras”. A actividade enmárcase dentro dos actos de sensibilización que, sobre esta doenza, programou o Concello de Ames durante este mes de outubro. A entrada a esta charla é libre e gratuíta e será impartida por un psicólogo da Asociación Española contra o Cancro.
Onte luns, 19 de outubro, conmemorouse o Día Mundial contra o Cancro de Mama. Con motivo desta efeméride, o goberno local puxo en marcha unha serie de actos que terán continuidade o próximo xoves no local social de JUPEMI, no número 3 da rúa Figueiras do Milladoiro. Un psicólogo da Asociación Española contra o Cancro será o encargado de ofrecer a charla coloquio “Que o cancro non te deixe sen palabras”, na que os asistentes poderán formular preguntas e interactuar coas súas experiencias nun acto aberto a toda a cidadanía.
Roteiro contra o Cancro
Antes da realización desta charla, o alcalde de Ames, José Miñones, e a concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, participaron onte luns, na Praza do Obradoiro de Santiago, no “Roteiro contra o Cancro” que a Asociación Española contra o Cancro de Mama organizou desde o Monte do Gozo ata a catedral, e no que participaron máis de cen persoas das asociacións contra o cancro de Galicia.
Ademais o goberno local, a través da concellaría de Servizos Sociais, encargou á Asociación Arcea Adames a realización dos tradicionais laciños rosas, símbolo da loita contra o cancro. Os lazos poden atoparse nas dependencias municipais de Bertamiráns e do Milladoiro para que calquera veciño ou veciña que o desexe poida prendelo da roupa e amosar así a súa sensibilidade co tema.
“Este mes é o mes de sensibilización sobre o Cancro de Mama e é imprescindible que tamén desde a administración contribuamos a aumentar a atención e o apoio cara á sensibilización, a detección precoz, o tratamento e os cuidados paliativos que require esta enfermidade. Por iso decidimos sumarnos ás actividades que nos propuxo a Asociación Española de Loita contra o Cancro para deste xeito contribuír a concienciar aos veciños e veciñas de Ames sobre este problema e sobre a necesidade de realizar os controis que tantas veces fan que a enfermidade, ao ser detectada a tempo, non teña os efectos tan negativos que pode ter”, manifesta Luísa Feijóo, concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, quen tamén anuncia que se planificarán máis charlas en centros escolares.











