“O Lalín dos cativos” fará da vila un espazo de convivencia adaptado ás necesidades dos máis pequenos
O Goberno municipal está a traballando para sentar as bases dun novo modelo de vila que se adapte tamén ás necesidades dos máis pequenos. Este obxectivo acadarase coa posta en marcha do proxecto denominado “O Lalín dos Cativos”, impulsado polo Goberno municipal en conxunto e encabezado polo tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo e Benestar Social, Nicolás González Casares. A iniciativa enmárcase como un programa de lexislatura que combina aspectos de carácter social con outros de índole urbanística ou educativa e que vai dirixido aos nenos e nenas de Lalín.
A firme disposición política do grupo de Goberno para potenciar este proxecto, que concorda plenamente co novo modelo urbano -máis sostible e respectuoso coa cidadanía- que persegue o executivo, pódese considerar o primeiro dos pasos para a gradual implantación do mesmo. Os seguintes virán dados ademais de polas medidas técnicas e polas actuacións a nivel estrutural consustanciais á súa posta en marcha, por outras paralelas de índole formativa nas que xa se está a traballar, para que expertos, así como responsables públicos que xa teñan posto en marcha iniciativas similares, expliquen a todos os actores implicados os pasos a dar e as medidas que se poden tomar.
“O Lalín dos Cativos” bebe, entre outros autores, dos traballos do psicopedagogo italiano Francesco Tonucci, quen ten afirmado que “as rúas son perigosas porque nelas non hai nenos”. Os ideais de Tonucci xa se están desenvolvendo nalgunhas cidades, aínda que en Lalín ou vilas do seu nivel, establécense como unha iniciativa pioneira.
González Casares coincide co pensador e recoñece que as motivacións do proxecto parten de “que as vilas están feitas e enfocadas dende a visión dos adultos”. “O coche tomou as rúas e os espazos públicos onde antes xogaban os nenos de Lalín”, apunta antes de asegurar “que agora teñen menos lugares de independencia e requiren dun control excesivo por parte dos adultos”. Estes feitos achácaos a factores como a inseguridade vial, o perigo dos entornos, a dificultade nos accesos ou desconfianza cidadá. Por estes motivos “o fin último do proxecto é o de comprender a vila dende a visión dos nenos, incluso dándolles participación nos asuntos públicos”. “É o momento de escoitar aos nenos e nenas”, asegura o tenente de alcalde.
Os obxectivos que persegue o programa xiran sobre 4 eixos básicos: a participación infantil na vida municipal, a autonomía dos cativos, a mobilidade independente e a seguridade. Para alcanzar estas metas un dos primeiros pasos será a creación dun “Consello Municipal dos Cativos”. Trátase dun órgano con autonomía e poder decisorio onde os menores terán a súa representatividade nos asuntos públicos e mesmo contarán cun orzamento anual para asuntos propios.
Alcanzar unha mobilidade independente é outro dos puntos claves da iniciativa. A autosuficiencia nos desprazamentos habituais fomenta a autonomía da infancia e, ao mesmo tempo, facilita a conciliación familiar. Para logralo levaranse a cabo actuacións urbanas que aumenten a seguridade viaria, tales como a restrición do tráfico en certas zonas, a redución da velocidade a un máximo de 30 Km/h nas rúas máis céntricas, así como o reforzo xeral nas medidas de seguridade. Está previsto, neste aspecto, entre outras medidas, dotar os viais máis transitados polos rapaces de pasos de peóns intelixentes que melloren considerablemente a seguridade vial. Pero nesta etapa tamén será imprescindible a colaboración das familias. Coa súa participación preténdese acadar unha familiarización coas rutas máis empregadas polos nenos, como poden ser aquelas que percorren cada xornada para acudir aos colexios. Neste senso, activar redes de colaboración e voluntariado coas ANPAS sería unha das accións máis positivas.
Por outro lado, “O Lalín dos Cativos” busca dotar a vila dos espazos de esparcimento seguros e en cantidade suficiente, nos que os nenos e nenas poidan desfrutar libremente de xogos e establecer relacións libres, cun mínimo control parental, contribuíndo tamén a loitar contra o sedentarismo infantil. Na trama urbana lalinenses atópanse zonas de xogo infantil repartidas, pero hai áreas onde os menores se ven obrigados a percorrer distancias longas que dificultan o acceso dos rapaces. Polo tanto, outro dos obxectivos do programa a conseguir nos próximos 4 anos, céntrase en que ningún neno do caso urbano teña o seu entorno de xogo máis próximo a unha distancia maior de 200 metros dende seu domicilio. Neste punto, unha das medidas que se realizará proximamente, é a de instalar no concello unha zona de xogos para que os proxenitores poidan deixar aos seus fillos no lugar mentres realizan as súas xestións dun modo máis cómodo.
“Temos que comprender a vila tamén dende a visións dos cativos, xa que hoxe en día están pensadas privilexiando as necesidades dos adultos. Unha vila na que os nenos medren con independencia e teñan capacidade para moverse e desfrutar libremente beneficia á sociedade no seu conxunto e contribúe a construír un novo e mellor Lalín”, finalizou González Casares.











