O ISSGA presenta o método MAPO na Coruña para avaliar o risco xerado pola mobilización dos usuarios dos centros sociosanitarios
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) presentou hoxe na Coruña o método MAPO, un sistema que se emprega en hospitais e centros médicos de Italia para avaliar o risco xerado pola mobilización dos pacientes en centros sociosanitarios. O obxectivo é obter unha maior ergonomía e reducir os riscos de sufrir lesións músculo-esqueléticas por parte dos traballadores e traballadoras.
A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, inaugurou na Coruña unha xornada técnica sobre esta ferramenta que contempla tres variables: unha para quirófanos, outra para hospitalizacións e a terceira para consultas externas. O método incide en aspectos como a descrición do ambiente de traballo, o tipo de mobilización de pacientes non autónomos, a formación recibida polos traballadores e traballadoras e o equipamento existente para o levantamento ou a transferencia de pacientes.
Bouso destacou a importancia deste método, xa que sinalou que os trastornos musculoesqueléticos son uns dos danos máis frecuentes e supoñen un importante problema de saúde, tanto polo custo na calidade de vida das persoas como polo custo económico e social que supón para as organizacións. No sector sociosanitario, a directora xeral apuntou que as lesións dorsolumbares son as máis comúns debido ao esforzo asociado á manipulación manual. “O método MAPO valora o risco de sobrecarga biomecánica da zona lumbar durante o traslado de pacientes nos centros sociosanitarios polo que é unha ferramenta valiosa para reducir a incidencia destes riscos laborais”, apuntou.
A responsable da área autonómica destacou que o ISSGA tamén está a traballar nesta temática e, así, lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar está a elaborar o mapa de riscos ergonómicos de Galicia, un documento que se prevé publicar este mesmo ano. Para a súa elaboración, o ISSGA contou coa colaboración de 125 empresas de 11 sectores económicos que empregan un total de 31.421 traballadores e traballadoras. Entre estas firmas figuran varios do sector de asistencia en establecementos residencias que empregan a máis de 4.000 traballadores e traballadoras.
Así mesmo, o ISSGA ten publicada unha folla de prevención dedicada á avaliación dos riscos musculoesqueléticos.
Por último, Bouso lembrou que un dos retos principais da Xunta é seguir a reducir a sinistralidade laboral e, para iso, a Consellería de Traballo e Benestar está a desenvolver a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no Traballo. A Xunta xa presentou un borrador deste documentos aos axentes sociais e actualmente está en fase de alegacións. “O seu resultado final será o froito do consenso e a concertación”, resaltou Bouso. A intención da Consellería, ademais, é que a Estratexia conte cunha revisión intermedia ao finalizar o ano 2017, cando se cumpra a metade da súa vixencia para incluír todas as necesidades de mellora e actualización que se detecten.
Contido da xornada
Na xornada técnica abordáronse, entre outros asuntos, os datos estatísticos de danos para a saúde laboral por mobilización de pacientes; as vantaxes e limitacións dos diferentes métodos para a avaliación do risco por mobilización dos usuarios dos centros sociosanitarios; e as dúbidas máis frecuentes sobre as dificultades na aplicación práctica do método MAPO. Tamén se fixo unha demostración práctica dos diversos equipos para facilitar a mobilización dos pacientes sen riscos para o persoal, ao tempo que se relataron experiencias prácticas da aplicación do método MAPO en hospitalización e centros residencias de persoas maiores. Desta forma, na xornada participaron profesionais especialistas en ergonomía.











