O IGVS ofrece apoio ao Concello de Ferrol para a declaración dunha Área de Rehabilitación Integral en Recimil
O Instituto Galego da Vivenda e Solo ofreceulle hoxe ao Concello de Ferrol apoio para a declaración dunha Área de Rehabilitación Integral no barrio de Recimil, a través da cal executar as actuacións de rehabilitación necesarias nas vivendas de propiedade municipal. Así llelo trasladou o director do IGVS, Heriberto García, aos representantes do Concello na reunión que mantiveron hoxe.
O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo ofreceulles respostas aos representantes do Concello de Ferrol sobre as dúbidas de carácter técnico e administrativo, arredor do funcionamento das Áreas de Rehabilitación Integral, criterios de intervención e prazos das axudas.
Así mesmo, trasladou a vontade da Xunta de Galicia de que o programa de Áreas de Rehabilitación Integral continúe a ser una realidade en Galicia nos próximos anos, con novas dotacións económicas e a posibilidade de declaración de novas áreas de rehabilitación, como o demostra o feito de que ao longo de 2015 se declararon dez novas ARI e se ampliou o ámbito doutras catro xa existentes.
Esta mesma semana o Concello de Ferrol, xunto con outros 37 concellos galegos, asinou o convenio polo que ás áreas de rehabilitación da cidade se lles asignan 900.000 euros en axudas para a rehabilitación dun total de 150 vivendas.
Entre as dez áreas de rehabilitación declaradas en 2015 está incluída a de Esteiro Vello, no Concello de Ferrol, que xa este ano se beneficiará das axudas asignadas a través dos convenios asinados esta mesma semana.
Por outra parte, o director do IGVS indicou o procedemento que debe seguir o Concello de Ferrol para solicitar a declaración da Área de Rehabilitación Integral de Recimil. A declaración de novas ARI é competencia da Xunta de Galicia.











