O IES Castelao de Vigo participa nos obradoiros de “Froitas de Outono” de Areeiro
O Instituto de Ensino Secundario Castelao de Vigo participará mañá mércores nos obradoiros de “Froitas de Outono” organizados pola Estación Fitopatolóxica de Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra.
Como xa é habitual cos centros de ensino de toda a provincia, Areeiro cedeu caixas de diferentes froitas (feixoas, guaiabas fresa e kiwiños, así como castañas e noces) para que os case 600 nenos de entre 12 e 18 anos do centro educativo poidan degustalas e realizar despois actividades didácticas relacionadas.
Na degustación da froita estarán implicados todos os profesores e boa parte dos alumnos, que participarán de xeito voluntario para ter disposta toda a loxística: xa se instalaron carteis informativos e se repartiron folletos. Así mesmo, dispuxéronse varias mesas na entrada do instituto, onde mañá se poñerán as diferentes froitas. Os rapaces voluntarios irán cortando os froitos e repartindo culleres e panos entre todos os seus compañeiros.
Está previsto que se realice o reparto da froita durante os dous recreos (a partir das 10:40 horas, durante uns 15 minutos, e das 12:40 horas, durante outros 30 minutos).
Segundo explicou o vicedirector do centro, Julio Astor, a maior parte dos novos alumnos do IES non coñecen as froitas cedidas por Areeiro, e os maiores, que xa participaron en cursos anteriores na iniciativa, están agardando a saborealas de novo. “As feixoas arrasan, sempre son froitas que gustan moito… Nós, ademais, somos un instituto de barrio cunha matrícula do 23 % de inmigrantes no que hai alumnos que non almorzan porque non poden e obradoiros como estes axudan. Os rapaces e rapazas valoran estas cousas”, sinalou Astor.











