publicidade hoxe

O grupo As Chaneiras actuará mañá nos ‘Venres do Ateneo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMarín
A-
A+

O grupo marinense ‘As Chaneiras’ vai actuar mañá ás 21:00 horas nos ‘Venres do Ateneo’. Formado por seis rapazas, esta formación musical creouse en 2008 ao abeiro da Asociación Artístico-Cultural ‘Os Chaneiros’. Alumnas de Lola Fernández e Miguel Fraguas, ‘As Chaneiras’ fan unha orixinal interpretación da música popular galega acompañada por ritmos de pandeiretas, pandeiros de man ou pandeiros cadrados de Peñaparda -de orixe salmantina-, entre outros instrumentos de raíz ibérica, cos que buscan a innovación dentro dun repertorio tradicional.

A participación en seráns, ruadas e foliadas marcou os inicios desta agrupación, que actuou en diversas localidades galegas. Os primeiros recoñecementos viñeron a través dunha mención especial no concurso Cantos de Taberna, en Moaña. Acudiron tamén a varios programas da televisión autonómica. Actualmente, ademais de continuar colaborando en festivais e actos culturais, ‘As Chaneiras’ están gravando o seu primeiro disco. O acceso á actuación conleva un donativo de 3 euros no caso dos socios e socias do Ateneo, e 4 euros para os non socios. A actuación da próxima semana será a cargo do músico Javier Vidal, que é o profesor de guitarra e combo do Ateneo Santa Cecilia.

XOVES DE CINE

Ademais, hoxe ás 21:00 horas, na Biblioteca Pública Municipal de Marín proxectarase a película “Almanya: bienvenido a Alemania”, no marco dos ‘Xoves de Cine’ que organiza o Ateneo. A directora turco-xermana Yasemin Şamdereli foi a artífice desta comedia dramática, do ano 2011, sobre a historia dunha familia turca emigrada en Alemaña. Participou no Festival de Berlín e gañou dous premios do cine alemán. Este filme continúa o ciclo sobre “Inmigración e refuxiados” que o Ateneo Santa Cecilia comezou este mes ao recuperar o antigo cineclub. A seguinte proxección, o vindeiro xoves 29 de outubro, será o clásico de 1940 “Las uvas de la ira”, dirixido por John Ford.

EXPOSICIÓN

Por outra parte, hoxe é o último día para visitar -en horario de 16:00 a 20:00 horas- a exposición de fotocerámica do fotógrafo e investigador marinense José Gago, que se complementa cunha selección de mostras de técnicas de pigmentación realizadas por Isabel Domínguez. A próxima mostra, a cargo de Xoán Bernárdez, vaise inaugurar o sábado 17 ás 20:00 horas. Xoán Bernárdez (Marín, 1936) é un historiador e escritor afincado en Vigo; autor de numerosos libros de narrativa, ensaios e artigos. Gañou, entre outros, os premios Xerais por “No ano do cometa” (1986), o premio Ramón Piñeiro e o Premio da Universidade de Vigo pola tradución ao galego de “Chronica Hermerici” (2004).

15 de outubro de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.