O goberno vilagarcián pide rigor ao PP na súa oposición pero celebra que comece a traballar por Vilagarcía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O goberno local coñeceu con “asombro e perplexidade” as valoracións do anterior alcalde e do seu grupo sobre a marcha da xestión municipal nestes primeiros cen días. Só así se pode entender que un grupo que hai catro meses perdeu as eleccións, pasando da maioría absoluta a só 7 concelleiros que puideron ser 6 por un feixe de votos, presente agora o seu balance das “xestións realizadas” entre 2011 e 2015.

Un balance que, á súa vista, deixa ben ás claras por que o grupo popular recibiu o castigo cidadán, e unhas novas propostas –como a de emprazar o Centro de Interpretación da Ría de Arousa nos corredores do auditorio “con vistas a Cortegada”- que evidencian o seu xeito de proceder durante os últimos catro anos, “por ocorrencias”. O equipo de Alberto Varela celebra, con todo, que “por fin o PP comece a traballar por Vilagarcía”, se ben lle pide “un pouco de rigor e seriedade, os mesmos que non tiveron no seu paso por Ravella”. Neste sentido, o actual alcalde defende os seus “viaxes”, como os que xa fixeron en dúas ocasións acompañando aos comerciantes ou o realizado a Navarra nunha proposta da Deputación: “Mellor viaxar para coñecer alternativas á xestión de residuos que para asistir ao ‘inicio do curso político’ en Soutomaior”, argumenta Alberto Varela.

O CASO DA PRAZA DE ABASTOS

O caso da praza de abastos é un exemplo sintomático. “O señor Fole, o mesmo que foi afeado no Parlamento de Galicia polo seu presidente provincial pola súa desfeita na xestión do proxecto do campo de fútbol de Bamio –subliña o alcalde- é o mesmo que agora nos acusa de atrasos no proxecto da praza de abastos. O que non di quen me precedeu é que, unha vez máis, esqueceu pedir un informe sectorial, neste caso de Patrimonio, e que este non autoriza o derrubo previsto das antigas escaleiras e a fonte e, polo tanto, non se poden instalar as mecánicas que eles anunciaran”.

Esta é a razón do atraso. O novo goberno municipal tivo que facer un novo proxecto en tempo récord, que é respectuoso cun edificio catalogado –”xa o estaba na etapa do señor Fole, pero non lle debeu parecer importante, como no caso do Castriño”, subliña Varela- e que está pendente da resolución de Patrimonio. E hai, ademais, outra diferenza fundamental: “O proxecto do PP non tiña permiso de Patrimonio, pero tampouco o apoio dos praceiros; o noso sí foi consensuado cos concesionarios e ademais respecta as normas de protección de patrimonio”.

As outras “xestións”

No seu balance 2011-2015, o Partido Popular tamén fai mención a “outras xestións”. Entre elas, algunhas que o alcalde está seguro de que os interesados estarán tan sorprendidos coma el; é o caso dos propietarios de Veiga de Lamas, que saben do “inicio” das xestións, pero nada da solución despois de catro anos; ou os convenios culturais ou a concesión das cafeterías dos centros de Rubiáns e Vilaxoán. Ou mesmo o compromiso de construír un novo pavillón no colexio de Rubiáns, que non deixa de ser unha promesa electoral sen ningún apoio documental nin orzamentario, como deixou demostrado a nova presidenta da Deputación na súa recente visita á cidade, lembra Varela.

“No seu balance, o señor Fole tamén fai referencia ás súas xestións urbanísticas. Primeiro –explica o alcalde- confunde un documento de inicio da revisión co documento que permite a aprobación inicial polo pleno, e logo esquece que foi el mesmo quen presentou, o día 4 de setembro de 2013, o calendario da revisión do Plan, que prevía a súa aprobación polo pleno en xaneiro de 2014”.

5 de outubro de 2015 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.