O goberno local da Coruña solicitou a semana pasada informes á concesionaria da ORA para comprobar que cumpre coas súas obrigas
O concelleiro de Mobilidade Sostible do Concello da Coruña, Daniel Díaz Grandío, mantivo a semana pasada unha xuntanza coa empresa concesionaria do servizo da ORA, á que lle demandou informes co fin de “comprobar que está a cumprir coas súas obrigas”. “Na liña de transparencia e fiscalización das concesionarias que este goberno está a implementar, pedinlle información coa que poder contrastar o respecto dos acordos”, afirmou.
Grandío tamén indicou que puxo especial interese en coñecer a situación do cadro de persoal para que “non se desvíe do que sinala o contrato, cuxo prego foi elaborado polo anterior goberno do Partido Popular”. “Este goberno velará pola efectividade das concesións e, no que supón un relevante cambio respecto a épocas anteriores, inclúe desde xa na contratación cláusulas sociais, que por exemplo teñen en conta as condicións laborais e o emprego de calidade”, engadiu. Así mesmo, desde a concellería de Mobilidade recórdase que para a subrogación de traballadores e traballadoras esíxese, por convenio, unha antigüidade de meses a ese persoal.











